Noticias

Esgotadas en menos de 24 horas as prazas para a ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas" polo Complexo Intermareal Umia- O Grove

A Deputación abriu o luns as inscricións e as vinte prazas cubríronse nunhas horas. A camiñada gratuíta para observar aves desenvolverase o 24 de outubro


13 outubro 2021
Voando nas Rías Baixas

En menos de 24 horas dende a apertura do prazo de inscrición para participar na ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas" polo Complexo Intermareal Umia-O Grove quedaron cubertas a totalidade de 20 prazas ofertadas. A camiñada, gratuíta e organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, terá lugar o 24 de outubro no Complexo Intermareal Umia-O Grove onde as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica desta zona e a importancia de preservar os espazos naturais protexidos.

A andaina polo Complexo Intermareal Umia-O Grove estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Da súa man, as persoas participantes descubrirán algunhas das especies que se atopan neste espazo protexido entre as que destacan cullereiros, gabitas, virapedras, pilros, mazaricos, píllaras, biluricos, parrulos, garzas, gaivotas, carráns e corvos mariños. Para elo facilitaráselles prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves para que elaboren a súa propia lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois da ruta polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, o resto das andainas continuará a partir do mes de novembro, coa camiñada pola Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) o día 14, coas inscricións abertas desde o día 2 de novembro. "Voando nas Rías Baixas" concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro.