Noticias

Esgotadas en media hora as prazas para a ruta "Voando nas Rías Baixas" pola enseada de San Simón

A Deputación abriu hoxe as inscricións e as vinte e cinco prazas cubríronse en trinta minutos. A camiñada gratuíta para observar aves desenvolverase o 14 de novembro


02 novembro 2021

En cuestión de media hora, dende a apertura do prazo de inscrición para participar na ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas" pola Enseada de San Simón do próximo día 14, quedaron cubertas esta mañá a totalidade de 25 prazas ofertadas, cinco máis cas ofrecidas nas últimas andainas froito da eliminación das últimas restricións sanitarias. A camiñada, gratuíta e organizada pola Deputación de Pontevedra, terá lugar na Enseada de San Simón na Ría de Vigo onde as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica desta zona e a importancia de preservar os espazos naturais protexidos.

A andaina pola Enseada de San Simón, estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas. Da súa man, as persoas participantes descubrirán algunhas das especies que se atopan neste espazo protexido entre as que destaca o parrulo asubiador, que ten neste espazo un dos mellores lugares de invernada de Galicia, así como será posible observar o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilutico patirubio e o claro ou o mazarico real entre outros. Aos visitantes facilitaráselles prismáticos de observación de aves e recibirán como material didáctico unha guía de aves para que elaboren a súa propia lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta ruta pola Enseada de San Simón, a última das andainas terá lugar no mes de decembro coa camiñada polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa ou do Río Miñor o día 19, coas inscricións abertas desde o día 7 de decembro. "Voando nas Rías Baixas" clausurará deste xeito unha iniciativa nada para sensibilizar á poboación da provincia sobre os nosos recursos culturais e naturais.