Noticias

Esgotadas en dous días as 200 prazas da DepoAndaina polo sendeiro azul de Ponte Caldelas

Máis de 500 persoas participaron xa este verán neste programa de rutas gratuítas da institución provincial para fomentar hábitos de vida saudables e dar a coñecer á poboación espazos naturais emblemáticos da provincia


25 agosto 2021
DepoAndainas

O programa de rutas de sendeirismo DepoAndainas da Deputación de Pontevedra segue a manter a súa excepcional acollida. Así, as 200 prazas para a cuarta e última camiñada da actual sexta edición, que terá lugar o vindeiro 12 de setembro polo sendeiro azul de Ponte Caldelas, completáronse en só dous días. A partir de agora, as persoas que se inscriban a través da web da Deputación (https://www.depo.gal/depo-andainas) pasarán a formar parte da lista de agarda que a institución provincial está a elaborar e que empregará se algunha das persoas inscritas renuncia á súa praza.

A DepoAndaina polo sendeiro azul de Ponte Caldelas terá un itinerario circular de aproximadamente 8,5 quilómetros, e nela as persoas participantes poderán gozar da tranquilidade dos camiños e sendas das e dos pescadores do río Verdugo ao seu paso polo concello de Ponte Caldelas. A andaina ten unha dificultade media e a saída será, ás 10 horas, do 12 de setembro desde a rúa da Ponte de Ponte Caldelas.

Máis de 500 persoas participaron xa este verán nas anteriores tres DepoAndainas, que percorreron a Vía Verde polos concellos de Caldas de Reis e Portas, a Ruta dos Muiños de Golfariz na Estrada e a senda do Río Tea na Estrada. A través deste programa gratuíto, a institución provincial promove unha serie de rutas gratuítas para fomentar hábitos de vida saudable e promocionar o turismo, dando a coñecer á poboación os espazos naturais máis emblemáticos da provincia.