Noticias

Esgotadas en apenas unhas horas as duascentas prazas para a segunda "Depo Orienta" no monte da Lagoa de Castiñeiras

A Deputación completou tamén a lista de agarda que suma outras cen persoas


08 setembro 2020

A segunda e última das probas "Depo Orienta", a nova oferta deportiva e sustentable deste ano que organiza a Deputación de Pontevedra con "Vive Deporte", que terá lugar o día 27 de setembro no monte da Lagoa de Castiñeiras xa ten todas as súas prazas esgotadas. Na mesma xornada en que se abriu a inscrición, onte luns 7 de setembro, non só se cubriron as 200 prazas ofertadas, senón que ademais se completou a lista de agarda con outras cen persoas máis.

Nesta nova ruta, que se desenvolverá no monte da Lagoa de Castiñeiras, en Marín, o obxectivo das persoas participantes é realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entrega xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.

A actividade pode realizarse de xeito individual ou grupal (ata 4 persoas participantes por equipo) e establécense 3 categorías: xestiñas (para nenas e nenos, con menos de 4 quilómetros), xestas (para adultos, con nivel medio e menos de 6 quilómetros) e xesteiras (para persoas cun coñecemento de orientación medio ou alto e con máis de 6 quilómetros en total).

Ao igual que as restantes actividades deportivas, desenvolverase cun estrito protocolo de seguridade por mor da pandemia da COVID-19. Deste xeito, será obrigatorio o uso de máscara en todo momento e as saídas serán de xeito gradual no tempo, de modo que non sairán dúas persoas ou equipos no mesmo minuto. A organización facilitará xel hidroalcólico.