Noticias

Esgotadas as prazas para participar na "Cata a cegas da Ruta do Viño Rías Baixas" no castelo de Soutomaior

En 4 días 100 persoas cubriron todas as prazas para o evento que terá lugar o vindeiro 17 de novembro, con motivo do Día Europeo do Enoturismo


25 outubro 2019
Cata Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que tan só foron necesarios catro días para que se esgotaran as 100 prazas dispoñibles para participar nunha nova edición da "Cata amateur a cegas da Ruta do Viño Rías Baixas" que terá lugar o 17 de novembro, con motivo do Día Europeo do Enoturismo, no castelo de Soutomaior. "Un día para poñer en valor os nosos exquisitos viños, o noso produto, a nosa cultura, e tamén para facelo nun espazo tan ideal como é o castelo, que é un orgullo para todas as pontevedresas e os pontevedreses", enxalzou Carmela Silva.

A cata a cegas, na que novamente serán protagonistas os viños Rías Baixas, comezará ás 11 da mañá, e contará con dúas partes. En primeiro lugar, o sumiller Nacho Costoya guiará ás persoas participantes na cata dos cinco primeiros viños, explicando os principais detalles no que as e os asistentes deberán focalizar a súa atención. Posteriormente, tal e como explicou a presidenta, as persoas participantes terán que agudizar os seus sentidos porque comezará a cata na que "dos cinco viños degustados inicialmente presentaranse tres que serán os que o público deberá acertar a cegas". Para as persoas gañadoras haberá un premio dunha estancia en establecementos adscritos á Ruta do Viño e tamén un sorteo de lotes de bodegas da Ruta do Viño Rías Baixas.

A actividade compleméntase cunha visita previa e por libre ao castelo de Soutomaior, ás 10 da mañá. Ademais, a xornada contará con música en directo e unha vez rematada a actividade da cata e coñecidas as persoas gañadoras, terá lugar unha degustación de produtos galegos, como conservas ou embutidos, elaborados principalmente por empresas radicadas na provincia.

Audios

  • Audio