Noticias

Esgotadas as prazas para os contacontos e obradoiros infantís de nadal no Castelo

A Deputación encheu as 240 prazas para estas actividades destinadas ás nenas e nenos e que se suman ás 270 das visitas teatralizadas, que xa estaban esgotadas


14 decembro 2021
Nadal Soutomaior

A maxia do Nadal está a inundar o Castelo de Soutomaior porque xa están cubertas as 240 prazas para os contacontos e obradoiros infantís que a Deputación programara para estas datas, xunto as visitas teatralizadas que se esgotaron ás 24 horas de poñerse a disposición das familias. As nenas e nenos xa puideron desfrutar dos contacontos e obradoiros os días 4, 5, 11 e 12 de decembro, onde salvaron o Nadal da man de Pedro Madruga, coñeceron as tradicións do Nadal e realizaron un obradoiro de arquitectura e outro de tintas para crear felicitacións. As e os pequenos da casa poderán seguir mergullándose na maxia do Castelo dende este mesmo sábado, día 18, cun contacontos con probas para atopar a fórmula perdida e a posibilidade de crear farois ecolóxicos con desexos. Ao día seguinte, o domingo 19, as nenas e nenos realizarán un experimento científico no que fabricarán neve para facer bonecos con ela e derreter un iceberg de xeo para descubrir o que se atopa no seu interior.

As actividades continuarán o domingo 26 cun contacontos que descubrirá os recunchos do castelo cun mapa dos xardíns e no que tamén se realizará un deseño para decorar a árbore de Nadal con materiais recollidos durante o conto. Para comezar o ano con forza as nenas e nenos desfrutarán o domingo 2 de xaneiro dunha actividade na que descubrirán quen vive no castelo durante o Nadal a través dunha ruta de sendeirismo polos xardíns da fortaleza, onde coñecerán os animais e plantas que habitan nela. A ruta rematará decorando casiñas para os paxaros.

En canto as visitas teatralizadas "A luz do Nadal", a cargo de Troula, aínda están pendentes as dos días 23 e 30, ás 17.00 horas, e 19 e 26 de decembro, ás 12.00 horas. Este Nadal tamén está en funcionamento por primeira vez o "Muíño das Afreitas", despois da restauración da súa maquinaria. Ademais, as nenas e nenos, ao igual que o ano pasado, poden deixar os seus desexos na "caixa de correo de soños" no Patio de Armas.

Fotos