Noticias

Esgotadas as prazas para a actividade deste domingo en Monçao dentro do programa de ecoturismo ‘Vive o Rio Minho'

Quedan disponibles as últimas vacantes para a ruta do sábado 19 en Salvaterra do Miño


16 setembro 2020
Vive río MInho

Continúa a grande acollida das actividades ecoturísticas do programa ‘Vive o Rio Minho' organizadas pola Deputación de Pontevedra para as fins de semana deste mes nos concellos galegos e portugueses da ‘raia'. Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, as 50 prazas para a actividade deste domingo día 20 esgotáronse en apenas 30 minutos desde que se habilitou a inscrición e, no caso das do sábado, xa está practicamente cuberta a cota, con apenas as últimas vacantes.

‘Vive o Rio Minho', desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho' financiado con fondos europeos do programa "INTERREG V-A POCTEP 2014-2020", pretende ser unha alternativa turística que permite coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro –seguindo protocolos sanitarios pola COVID-19–  buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece o contorno.

Na pasada fin de semana, acompañadas polo bo tempo, as actividades tamén resultaron moi aplaudidas polas persoas participantes. O sábado realizouse unha visita a Melgaço e unha ruta polo río Deva ata a Cova da Moura e o domingo fíxose balsismo polo Miño e unha visita a Arbo.

A xornada deste próximo domingo –xa completa– consistirá nunha visita guiada á zona histórica de Monção e ao Museo do Viño, así como ao Palácio da Brejoeira. As persoas participantes encontraranse na praia fluvial de Pinheiros para realizar en primeiro lugar unha ruta circular de sendeirismo de 15 km e dificultade media-alta. Ao finalizar o día, e se o tempo o permite, quen o desexe poderase dar un baño na área termal xunto ao Miño.

A actividade do sábado, para a que quedan dispoñibles as últimas prazas, consiste nunha ruta circular de 17 quilómetros de dificultade media e apta para nenas e nenos a partir de 12 anos acostumados a camiñar. Percorrerase un tramo do río Miño, o rego de Lobeira e o río Tea, e logo farase unha visita conxunto histórico de Salvaterra de Miño e ao Museo do Viño. Está previsto formar un grupo máximo de 40 persoas.

Como medidas anti-COVID-19, a organización vixiará que as persoas participantes e guías manteñan a distancia de seguridade durante a actividade, sendo obrigado o uso de máscara. No caso das entradas en lugares pechados, faranse subgrupos para poder manter a distancia interpersoal.

A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río. Finalmente, para o 3 e 4 de outubro pretendese unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega.

Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 40 e 50 por evento).