Noticias

Josep Selga: "o futuro da especie humana xógase nas nosas rúas e nas nosas prazas, non na amazonía"

O biólogo participou hoxe na Facultade Ágora para destacar a importancia do verde urbano á hora de deseñar cidades sustentables para as persoas


17 setembro 2021
Entrevista a Josep Selga

Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Barcelona en 1978, traballou 11 anos no Servizo Municipal de Parques e Xardíns do Concello de Barcelona, co cargo de xefe de Departamento de Arboredo. Desde 2019 é profesor no Máster de  Arboricultura Urbana na Universidade Complutense de Madrid e desde o 2020  codirector do Curso de Posgrao en  Arboricultura Urbana da Universidade de Xirona. Hoxe centrou a súa conferencia na Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra que pretende debater sobre como debe ser o espazo público na palabra hábitat.

"Unha cidade ou unha vila ten que ser habitable e a palabra habitable vén dun concepto de ecoloxía que é o hábitat, que é un lugar que cumpre unhas condicións axeitadas para que unha especie se desenvolva en plenitude. A pregunta é: as nosas vilas e cidades son o hábitat axeitado para que nos desenvolvamos en plenitude? Hai que ver que debe cumprir un hábitat para que sexa humano? Dende aí hai que ter en conta a importancia do elemento árbore como parte da nosa memoria filoxenética. Dalgunha maneira aínda que non sexamos conscientes, pasamos a maioría da nosa existencia vencellados ás árbores e ese factor levámolo incorporado no noso ADN e tamén na nosa psicoloxía, fisioloxía, no noso comportamento. Todo isto debe contemplarse á hora de xerar espazo urbano".

O cambio a novos modelos urbanos priorizando ás persoas, logo, non debe ser só un tema de ecoloxistas, activistas ambientais ou iluminados, como se ten dito?

Que va! No fondo é un tema social, é un tema profundamente humano no sentido global da palabra. Afecta á nosa saúde, ao noso comportamento, ás nosas relacións cos demais, á nosa psicoloxía... Polo tanto non se trata de promover cidades verdes para os amantes do verde ou do ecoloxismo, senón cidades humanas... E para que as cidades sexan humanas dende a ciencia dinnos que deben ser verdes. É diferente. A premisa non é defender o verde, senón defendernos como especie e como sociedade.

Son irreversibles estes modelos en auxe? Aprendeuse coa pandemia da COVID a que o verde sexa central e non accesorio?

Desgraciadamente aos humanos cústanos aprender e cambiar. Hai moita inercia e resistencia ao cambio. Aínda que este período da pandemia foi unha lección, non quere dicir que a aprenderamos como humanos. Agardemos que algunhas cousas muden, pero dificilmente se vai cambiar facilmente. Temos tendencia a manter unha zona de confort no coñecido. Cambiar quere dicir arriscarse no descoñecido, correr riscos, e se algo puxo de manifesto a pandemia é que somos vulnerables e que a vida supón un risco. Pero curiosamente a resposta dunha parte importante da sociedade é precisamente pecharnos en seguridades, cousas sinxelas, claras e seguras que nos manteñan nun confort virtual, en lugar de plantexarnos que o risco existe, que a vida é risco e que non se poden obter seguridades absolutas de nada. Tamén a vida é aventura e capacidade de cambio. É difícil prognosticar nada. Non podemos percibir cara onde irán os modelos, pero é evidente que ou cambiamos ou como especie temos pouco futuro.

O papel das e dos xestores locais é fundamental no cambio. Isto que acaba de dicir é un convite a que alcaldes e alcaldesas sexan valentes e dean os pasos necesarios para que os seus municipios muden modelos urbanos.

Si. O problema é que na nosa sociedade sempre falamos dos políticos, pero penso que os políticos responden ás tendencias da sociedade. E a sociedade volveuse moi curtopracista. Ten moi pouca perspectiva. Dende unha perspectiva a curto prazo todo isto non é viable. Debe haber xenerosidade e unha certa valentía para ter unha visión a medio e longo prazo. Hai que cambiar a escala visual e darnos conta de que ou establecemos outros valores... Falamos de crise sanitaria, económica, de crise social, enerxética, pero todas fan referencia a unha crise cultural que é unha crise de valores. Entón, ou cambiamos as bases sobre as que asentamos a nosa cultura máis recente: a productividade, a competencia, a velocidade, o inmediato e o cómodo... por resiliencia, visión a medio e longo prazo, sustentabilidade... ou por dicilo dalgunha maneira isto acábase a curto prazo porque estamos a tomar decisións a curto prazo.

Como definiría unha cidade ideal?

Penso que unha cidade ideal debe ser habitable. Debe ser un hábitat para a especie humana. Para iso a natureza debe formar parte da cultura. Un dos grandes problemas da nosa sociedade é que contrapuxo eses dous conceptos, cultura e natureza. A clave é ter unha cultura baseada na natureza. Ata que os humanos non aprendamos que a nosa cultura debe estar baseada nos valores da natureza dificilmente poderemos evolucionar como especie e ter futuro.

Como deben actuar as vilas pequenas para chegar ao obxectivo?

Hai unha frase que ás veces ten condicionado as decisións dos responsables políticos de vilas e zonas máis rurais, que é para que gastar cartos no verde urbano se temos verde na contorna? Esa idea parte dunha base equivocada. Aínda que teñamos verde na contorna os humanos precisamos natureza máis próxima. Antigamente, nos anos 70 e 80, defendéronse as políticas de establecer reservas naturais, dalgunha maneira conservar zonas inalteradas... Actualmente a maioría de autores están de acordo en que o futuro da especie humana xógase na casa. Non se xoga na Amazonía nin nos parques naturais, xógase ao lado da nosa casa, na nosa rúa, nas nosas prazas. Durante moitos anos en España os alcaldes dos concellos tiñan unha presión cidadá para asfaltar. Dalgunha maneira canto máis se asfaltaba máis se civilizaba, máis se botaba fóra a natureza, menos se embarraban as e os cidadáns, que tiñan os zapatos limpos. Era un sinal de civilización. En cambio cos anos démonos de conta de que non se trata de botar a natureza fóra da vila, senón de que a vila forme parte da natureza. Agora temos coñecementos, técnicas e materiais para facelo dunha forma axeitada, humana, sustentable e con futuro.