Noticias

O viveiro de Lalín escenario hoxe do encontro on line de catro empresas da provincia que se reinventaron coa chegada da Covid19

Marisé Bértola, Juan Carlos Salgueiro, Iago Barbeito e Manuel Alonso explicaron na webinar organizada pola Deputación como adaptaron a liña de produción das súas empresas para responder ás novas demandas derivadas da pandemia


01 outubro 2020
Encontro on line de catro empresas da provincia que se reinventaron coa chegada da Covid19

"A necesidade de reinventarse por mor da Covid-19 foi unha obriga" para as catro persoas empresarias que hoxe participaron na webinar "Inspirándonos", promovida pola Deputación de Pontevedra a través do Viveiro de Empresas de Lalín. Marisé Bértola Torres, da firma MB Costura; Juan Carlos Salgueiro Hurtado, de C&S Diseño y Publicidad Deza; Iago González Barbeito, de Pontevedresa Group e Manuel Alonso González, de Sotega Noroeste, contaron en primeira persoa como se adaptaron á situación derivada da pandemia neste encontro virtual no que tamén reflexionaron sobre a situación do sector e a necesidade de respaldo das administracións para a súa reactivación.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo facer un recoñecemento a estas persoas empresarias e ao "talento da provincia" e destacou na súa intervención a capacidade destas firmas "para converter as dificultades en oportunidades". Así mesmo, apelou ao papel das administracións para "poñernos de lado da reactivación económica, pero tamén posibilitar un discurso de optimismo. Necesitamos confiar, reinventarnos, reiniciar e aproveitar a situación para facer cambios cos que ser máis competitivos, a fin de responder ás novas demandas-. Moitas xa chegaron para quedarse, e teremos que ver cales para responder a elas". Neste senso, apuntou que as reflexións deste encontro "vanlle servir a persoas do mundo da empresa e á nosa administración para ver onde centrar as nosas apostas pola economía; intentaremos integrar as conclusións na nosa acción política".

No caso de C&S Diseño y Publicidad Deza, como contou Juan Carlos Salgueiro, a empresa pasou na pandemia da súa actividade de rotulación e imprenta á elaboración de máscaras. Este cambio da liña de negocio lles permitiu, como explicou, "dar moito traballo á costureiras non só da comarca do Deza senón tamén doutras zonas de Galicia porque foi tal a avalancha de pedidos que se non, non cubriamos a demanda. E incluso nos reinventamos todos, xente que rotulaba acabou cortando telas". Quince días despois do inicio do estado de alarma, comezaron a buscar tecidos e preparar os filtros e a primeira remesa saíu o 24 de abril. "Ogallá isto fora un mal sono –apuntou-. Pero nos vino ben para descubrir que fomos capaces de buscar novos camiños. Temos toda a confianza do mundo: se buscou saída e se saíu". Neste senso, apuntou que neste novo camiño a firma contou "con todo o apoio das administracións, sen problemas".

As máscaras tamén foron o eixo da estratexia de Marisé Bértola, ao fronte de MB Costura. Esta empresaria comezou a fabricar xunto ao seu equipo máscaras de tela que chegaron a toda a provincia e mesmo aos sanitarios que as demandaban co inicio da crise da Covid. O boca a boca funcionou tanto que se creou unha rede de apoio e distribución para que chegasen ata todos os domicilios. "Chegamos ás 17.000 máscaras entregadas, e puidemos facer unha entrega a 1.200 domicilios diarios –explicou-.  Foi moi bonito, porque detrás de cada máscara sobre todo había xente con necesidade". Na actualidade, o seu taller retomou a súa actividade normal antes da pandemia e Bértola quixo destacar que, no seu caso, "aportoume máis a nivel afectivo e humanitario que comercial; abrandoume  porque vivín unha experiencia que foi dramática. E aportoume o feito de que a unión desinteresada da xente de a pé é máis importante que a gubernamental".

 Para Pontevedresa Group, unha fábrica de vidro que cumpre este ano 62 de historia, a pandemia supuxo o cambio da liña de produción para deseñar mamparas neste material, como destacou Iago Barbeito. "A idea foi facer un modelo Ikea fácil de quitar e poñer e robusto ao mesmo tempo, e coa vantaxe de que se poden limpar con elementos hidroalcohólico –destacou-. E unha vez que arrancamos, o ofrecemos a coste directo de fabricación". Desde entón, produciron entre 4.000 e 5.000 mamparas de modelos de mesa, pé alto para facer separacións en oficinas, restaurantes, ximnasios e incluso cartas dixitais para locais de restauración. "Neste contexto, hai que agradecer a muchas administracións como concellos, Xunta e deputacións, e o Estado, que en moitos casos tiraron das nosas mamparas e valoraron o feito de poder fabricar un elemento de protección que xerou emprego e evitou que tivésemos que prescindir de moita xente". A súa produción non só se estendeu a outros lugares de España senón mesmo a Alemaña. Barbeito subliñou como conclusión a necesidade dun "cambio estrutural" do modelo empresarial para corrixir "vinte anos de deslocalización". "O maior favor que pode facer a administración é axudarnos a reindustrializar este país".

Por último, Manuel Alonso González explicou como a súa empresa Sotega Noroeste pasou de fabricar cerrados e portas metálicas a deseñar unha fonte dispensadora de hidroxel, que moitos concellos utilizaron para espazos públicos. Desde que lles propuxeron a idea ata que tiveron as dez primeiras unidades e funcionando montadas pasaron cinco días. As primeiras foron doadas, pero a raíz da demanda incorporaron as fontes a súa liña de produción. "Buscabamos formas de colaborar e non tivemos necesidade de adaptar maquinaria, foi máis ben desenvolvemento da oficina técnica para que todo encaixase ben", sinalou, tras destacar que o sector da construción estase mantendo "e funcionando, é dos mellores que está a soportar a incidencia do Coronavirus" e que neste momento ata precisan persoal especializado. "Non tivemos un baixón de traballo, non despedimos a xente, incluso aumentamos o cadro de persoal, e non mais polo medo do que vai pasar evolucionar a pandemia". Neste senso, avogou porque as administracións propicien a formación de persoal para poder satisfacer esta demanda laboral. "É necesaria a axuda para que as empresas poidan saír reforzadas, porque se o fan, sae reforzado o territorio".

O celebrado hoxe foi o primeiro dos tres almorzos on line "Inspirándonos" que desenvolverá ata decembro o  Viveiro de Lalín, nos que se amosarán diferentes exemplos de inspiración en distintos ámbitos.  O encontro foi concluído pola deputada provincial Ana Mejías, que subliñou a necesidade de compartir este tipo de xornadas "onde xerar sinerxías, oportunidades de emprego e dar ideas para a colaboración público-privada".