Noticias

En marcha a mellora de seis quilómetros da estrada provincial EP-6104 Castro-Dozón-Saa-Rocha

Está previsto iniciar os traballos de pintado da sinalización horizontal a semana próxima se a climatoloxía o permite


02 maio 2019
Estrada Dozón

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a realizar os traballos de rehabilitación do firme de case seis quilómetros da estrada provincial EP-6104 Castro-Dozón-Saa-A Rocha dentro do concello de Dozón. Segundo explica o persoal técnico do Departamento de Mobilidade esta semana podería quedar rematado o aglomerado, quedando simplemente por executar o pintado da sinalización horizontal.

Este proxecto consiste na mellora da seguranza viaria e peonil da estrada provincial pavimentando a traza existente en case seis quilómetros de vía, desde o punto quilométrico 0+000 ata o 5+900.

Levantouse todo o firme en mal estado, e estánselle a aplicar diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.

Tamén se lle inclúe melloras a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escoamentos creen balsas na calzada. Por último está previsto iniciar a semana próxima –se a climatoloxía o permite– o pintado das marcas de sinalización horizontal co fin de mellorar a visibilidade da traza da vía, sobre todo en días de néboa e chuvia.

A actuación foi adxudicada á empresa Misturas SA' por un orzamento de 168.047,22 euros, tendo un prazo máximo de execución de catro meses.

Hai que lembrar que as medicións realizadas pola Deputación revelan que a EP-6104 presenta un tráfico medio diario duns 438 vehículos.