Noticias

Emilia Pardo Bazán regresa ao seu "Pazo do recordo" convertida en protagonista da visita teatralizada organizada pola Deputación en Liñares

A presidenta, Carmela Silva, define á escritora coruñesa como "unha muller feminista, rebelde e poderosa, que tocou case todas as actividades do ser humano nun tempo difícil"


30 maio 2021
Visitas teatralizadas en Pazo de Liñares

Unha peza teatral, programada pola Deputación con motivo dos actos cos que está a conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, trouxo de volta á escritora coruñesa ao seu Pazo do recordo, o pazo lalinense de Liñares. A visita teatralizada tivo lugar con capacidade reducida, por mor da pandemia, e coa presencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Xosé Crespo. Silva presentou esta peza, a medio camiño entre o teatro e a promoción turística, definindo a Pardo Bazán como "unha muller feminista, rebelde e poderosa, co talento necesario para tocar todas as actividades do ser humano nun tempo no que todo era moi difícil".

A representación comezou ao mediodía, tras a benvida de Carmela Silva, e tivo unha hora de duración. Entre o público estaban tamén a deputada de Cultura, Victoria Alonso, e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco. Estivo a cargo da compañía Fantoches Baj, responsable tamén do guión, coa actriz Larraitz Urruzola no papel de Pardo Bazán e de Inacio Vilariño interpretando a Amalio Taboada, fillo da familia propietaria do pazo e íntimo amigo da escritora coruñesa.

Carmela Silva enxalzou o importante papel que o pazo de Liñares tivo para configurar a obra de Emilia Pardo Bazán, pois neste lugar naceron moitas páxinas da súa obra máis coñecida: Los Pazos de Ulloa. Liñares era, daquela, un auténtico foco de cultura ao redor da polígrafa coruñesa. "Era obrigado que tamén houbera actividades neste lugar marabilloso", engadiu Silva en referencia á programación que a Deputación está  a levar a cabo na provincia por este centenario. Ademais destacou que, día a día, prográmanse máis actos no pazo de Liñares: "Estamos devolvéndolle a vida", concluíu.

A visita teatralizada foi concibida como un recurso distinto para dar a coñecer a importancia dun dos pazos máis fermosos de Galicia tanto pola súa historia, como pola súa arquitectura, incluíndo a heráldica e os xardíns. A obra mestura explicación destes aspectos coa vida cotián da familia Taboada e dos visitantes que por alí pasaban. A peza arranca na morte do propietario, Carlos Taboada e coa visita de Emilia para expresar o seu pésame, moi especialmente ao fillo, Amalio. As personaxes de Emilia e Amalio amosan ao público o pazo ao tempo que rememoran lembranzas, anécdotas e recreacións dalgúns dos seus contos. A peza teatral achega tamén unha pequena escena con monicreques baseada nun texto de Pardo Bazán. A "trama" comeza no exterior, e céntrase en boa parte no "salón grande" do segundo andar, ademais do paso polo xardín. As estancias de Emilia Pardo Bazán en Liñares son ben coñecidas e a que se recrea na peza teatral dátase en 1908. A autora, que gardaba un estreito vínculo coa familia Taboada, escribiu: "En Liñares, o culto ao pasado é tan reverente, que eu, na miña xeografía novelesca, chamei a esta casa, á vez tan hospitalaria, tan patriarcal e tan distinguida, ‘Pazo do recordo´".

O programa de actos da Deputación polo centenario de Emilia Pardo Bazán comezou esta semana coa inauguración dunha exposición itinerante no Museo MARCO de Vigo e a presentación do libro do xornalista Ceferino de Blas Emilia Pardo Bazán en el país de las rías. Ademais presentouse a camelia Emilia Pardo Bazán no Xardín con Nome de Muller do castelo de Soutomaior, un dos puntos máis destacados da Ruta da Camelia. A Deputación, xunto con Taller Abierto tamén está a preparar un prego didáctico para visibilizar a figura da autora coruñesa entre o alumnado de Primaria para realizar distintas actividades sobre a súa biografía e fragmentos das súas obras. O material distribuirase a partir do próximo mes de setembro.

O pazo de Liñares data do século XVII e débese a Álvaro Núñez de Taboada. Estivo habitado ata o século XX e cobrou fama como epicentro de actividade cultural gracias a Emilia Pardo Bazán. No 2002 o Concello de Lalín adquiriu o pazo e posteriormente foi declarado pola Consellería de Cultura Ben de Interese Cultural. Na actualidade acolle o Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico da Cultura dos Castros da Deputación de Pontevedra e funciona como espazo sociocultural acollendo con frecuencia actividades programadas pola Deputación.

Fotos