Noticias

Elena Gómez de Pozuelo intervirá no almorzo de traballo que presentará o SmartPeme ás persoas emprendedoras da provincia

A xornada será presentada pola Presidenta, Carmela Silva, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra o vindeiro mércores 13 de xullo dende as 10:30 horas


10 xul 2016

O vindeiro mércores 13 de xullo terá lugar, a partir das 10:30 horas, unha xornada de presentación da rede SmartPeme no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, entidade dependente da Deputación de Pontevedra. A xornada, á que poderán asistir as e os emprendedores e autónomos e as pemes da provincia, consistirá nun almorzo de traballo no que os e as asistentes poderán coñecer de primeira man os novos servizos de asesoramento TIC que poden atopar á súa disposición dentro do novo programa SmartPeme, herdeiro do CPAE 2.0, así como escoitar as experiencias de referentes en innovación TIC no sector empresarial e estreitar relacións profesionais con demais profesionais nunha sesión de networking.

Sen dúbida, o acto máis destacados ao abeiro desta xornada de presentación será a intervención de Elena Gómez de Pozuelo, que conta con preto de 92.000 seguidores en Twitter a través do seu perfil @gomezdelpozuelo e é unha das persoas máis influentes no eido do emprendemento. Non en van, Gómez de Pozuelo é a presidenta de Adigital (Asociación Española de Economía Digital), CEO de varias empresas, membro do Comité Executivo e da Xunta Directiva da CEOE,  presidenta da Comisión de Protección de Datos e conselleira, entre outras startups, de Womenalia, a primeira rede de networking mundial de mulleres profesionais. A súa intervención levará por título "Atopar o lugar da túa empresa na nova era dixital" e nela compartirá a súa perspectiva sobre como afrontar os procesos de transformación tecnolóxica, para o que se valerá do seu extenso currículo e experiencia.

Antes diso, a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Francisco Javier Dios, presentarán ás persoas asistentes a rede SmartPeme para deixar paso á intervención de Gómez de Pozuelo. A esta lle seguirán os relatos de diversas empresas pontevedresas que xa implantaron con éxito as novas tecnoloxías nos seus negocios. Nas súas intervencións, os e as representantes das mesmas transmitirán as claves para acadar o éxito mediante a implantación destas tecnoloxías. Neste sentido pensouse que as empresas participantes operasen no ámbito da provincia de Pontevedra para así poder ofrecer un relato máis próximo. Por último, as persoas asistentes poderán gozar dun café e dunha sesión de networking onde ampliar cadansúa rede de contactos con outros e outras profesionais da provincia.

Formulario de inscrición

Lembramos que o novo proxecto SmartPeme, en palabras da Presidenta da Deputación na presentación do proxecto aos concellos celebrada o pasado venres, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos".  Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.