Noticias

Construcciones E. C. Casas, S. L. retoma as obras da senda e o pintado da sinalización horizontal na vía de acceso e na ponte de Monte Porreiro

A empresa estivo en ERTE con motivo da crise da COVID-19, polo que non puido facer os traballos pendentes a pesares do bo tempo


26 maio 2020
Senda de Monte Porreiro

As obras de mellora da estrada de acceso a Monte Porreiro e da coñecida ponte das Palabras entran por fin na súa fase final. A empresa Construcciones E. C. Casas, S.L., que fora adxudicataria dos traballos en novembro do 2019, poderá despois de varios contratempos finalizar as actuacións previstas e deixar rematada a vía en perfecto estado de revista para que sexa o Concello, o seu novo titular, o que se encargue a partir de agora do seu mantemento.

O persoal operario da firma construtora comezou xa no día de onte a realizar labores de limpeza na zona da senda peonil e ciclista, para comezar no día de hoxe a estender un material especial (‘slurry') de cor encarnado que resaltará sobre a zona da calzada e permitirá transitar ás persoas con máis garantías de seguranza viaria. Prevese que a impregnación desa coada bituminosa ao longo de todo o viario desde a glorieta de Monte Porreiro ata a da estrada de Campo Lameiro e desde esta á glorieta de Médico Ballina, dure toda esta semana. Será entón o momento de iniciar o pintado da sinalización horizontal (liñas lonxitudinais laterais e centrais, marcas brancas transversais, illas, elementos de sinalización peonil…) en toda a vía.

A obra de mellora da vía a Monte Porreiro e da ponte das Palabras tomou máis tempo do previsto por diferentes complicacións. A actuación fora solicitada polo Concello de Pontevedra logo de comprobar as deficiencias na estrada das persoas usuarias da vía que levaban tempo advertindo.

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra realizou unha inspección e comprobou o estado de conservación deficiente da vía polo borrado case absoluto das liñas lonxitudinais. Tamén comprobou que existían dúas interseccións con pasos de peóns que se estimaba conveniente protexer mediante actuacións para a redución de velocidade, xa que existía unha situación de perigo de accidente para as persoas usuarias.

Elementos de calmado de tráfico para reducir a velocidade

Dado que se trata dun viario construído ao amparo do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra subscrito en febreiro de 2008, e de cara a entrega patrimonial do ben, a institución provincial recoñeceu a súa responsabilidade nos traballos e puxo en marcha a licitación para executar as obras de posta a punto.

A obra foi oficialmente contratada o mes de novembro, mais foi necesario asinar unha acta negativa de inicio de obra polo mal tempo. A paralización levantouse no mes de xaneiro para aproveitar a ausencia de chuvia, e os operarios construíron, tal e como estaba previsto, un redutor de velocidade no treito entre a glorieta na N-550 e a glorieta da estrada a Campo Lameiro para substituílo por un paso de peóns sobreelevado (PPS). Tamén se instalou un redutor de velocidade na entrada ao seguinte treito, que leva á ponte.

Ademais dos elementos de calmado de tráfico para obrigar a diminuír a velocidade dos coches e facilitar o tránsito peonil seguro á hora do cruzamento da estrada, no contrato con E. C. Casas, S. L. incluíase unha roza de noiros en todo o percorrido, a mellora da sinalización vertical, a reposición das pilonas de caucho da ponte que están rotas, e tamén o tratamento para marcar a senda peonil e ciclista.

Os traballos da senda, no entanto, non se puideron executar en xaneiro xa que o material especial para o tratamento da senda non se podía aplicar nin con frío nin con chuvia, precisando varios días seguidos de bo tempo para asentar correctamente e garantir a súa durabilidade. Esa situación obrigou a agardar á primavera para facer a obra. Polo medio, porén, produciuse a crise sanitaria da COVID-19, durante a que a empresa E. C Casas, S. L. decidiu realizar un ERTE co que quedou sen actividade. Unha vez levantado o expediente de regulación, no día de hoxe o persoal da construtora comezará a realizar a senda, repoñer as pilonas e pintar a sinalización horizontal co fin de entregar definitivamente o viario ao Concello en boas condicións.