Noticias

Dúas visitas guiadas achegan ao alumnado de secundaria os traballos realizados no Centro de Investigación Arqueolóxica de Lalín e da Lanzada

O alumnado terá a oportunidade de coñecer de preto os traballos realizados no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico e as escavacións da Lanzada, proxectos dependentes da Deputación de Pontevedra


06 maio 2017
A Lanzada

Alumnado de ensinanza secundaria dos centros IES Universidade Laboral de Ourense e o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis realizarán sendas visitas guiadas ao Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA) en Lalín e ao xacemento da Lanzada, en Sanxenxo, dependentes da Deputación de Pontevedra, o próximo 9 de maio, para coñecer de preto os traballos arqueolóxicos que alí se desenvolven.

En concreto, 30 alumnas e alumnos de 4.º da ESO e de 1.º de Bacharelato do IES Universidade Laboral de Ourense visitarán en primeiro lugar a sala de exposicións e audiovisuais do CXCA, que se atopa no Pazo de Liñares de Lalín, e despois poderán ver in situ o proceso de tratamento dos materiais atopados nas escavacións arqueolóxicas. Pola tarde o alumnado visitará tamén Castrodeza, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que forma parte do proxecto DepoDeza, que ten por propósito a posta en valor do patrimonio cultural da provincia, centrándose no valor da cultura castrexa.

Pola súa banda, un grupo de 80 estudantes integrado por rapazas e rapaces de 2.º da ESO do centro Aquis Celenis de Caldas de Reis, xunto cun grupo de alumnas e alumnos de intercambio do País Vasco, visitarán o xacemento arqueolóxico da Lanzada, onde poderán coñecer en primeira persoa a escavación na que recentemente se teñen atopado varios esqueletos e importantísimos achados, entre os que se atopan ata 15.000 pezas, 500 delas de cerámica romana de luxo e 8 moedas de cobre. Na viaxe, as e os estudantes aproveitarán para visitar tamén o Museo da Salga do Grove.