Noticias

Dozón consolida a súa aposta polo rural pavimentando camiños de tres núcleos cunha achega de 76.000 euros da Deputación de Pontevedra

Santos Héctor: "A Deputación ten a vocación de exercer como axente activo para evitar a despoboación rural e creo que con obras como esta poñemos da nosa parte"


09 marzo 2021
Obras Dozón

O Concello de Dozón reafirmou a súa aposta polo rural co pavimentado dos camiños de Edreira, Santo Domingo e Moi, traballos que puido financiar grazas a unha achega da Deputación ao abeiro do Plan Concellos. O deputado de Cooperación Municipal, Santos Héctor e o deputado Manuel González xunto ao alcalde, Adolfo Campos, visitaron os camiños destes tres núcleos, nos que se investiron máis de 76.000 euros.

Santos Héctor afirmou que todas as obras realizadas en Dozón para reforzar os asfaltados nos camiños do rural están "moi ben feitas" porque algunhas teñen anos desde a súa posta en servizo e atópanse en perfectas condicións. Ao respecto das últimas pavimentacións realizadas en Edreira, Santo Domingo e Moi, financiadas co Plan Concellos do ano 2020, indicou que "o investimento vese a simple vista". O deputado manifestou que trátase de camiños rurais que non só dan servizos a vivendas, senón tamén a terreos e explotacións gandeiras. "A presidenta da Deputación, Carmela Silva, ten a vocación de que a institución exerza como un axente activo para evitar a despoboación rural e creo que con obras como esta poñemos da nosa parte". Ademais puxo en valor o Plan Concellos (o plan provincial regrado de financiamento municipal) ao destacar que, á parte da suficiencia dos recursos que se achegan, unha das súas principais características é que son os concellos os que deciden onde e en que se inviste. Finalmente, desexou que Dozón continúe facendo "moitas actuacións en favor da veciñanza co financiamento da Deputación".

O alcalde destacou que o Plan Concellos "é unha ferramenta moi interesante para dotar de servizos e infraestruturas ao rural". "Permítenos decidir", engadiu, "porque somos os concellos os que mellor sabemos a que dedicar os recursos que nos chegan". Adolfo Campos engadiu que nestes momentos, o Concello está rematando as obras de 2020 e iniciando a planificación das correspondentes á anualidade do ano 2021 do Plan Concellos. "O máis importante é que poidamos dinamizar as zonas, reequilibrar a poboación e que non haxa abandono das terras, que é o primordial para concellos como o noso", explicou. Campos rematou cun respaldo claro ao modelo que representa o Plan Concellos: "Animo á Deputación a que continúe na súa liña de financiación municipal regrada, a través do Plan Concellos".

Estas actuacións tiveron por obxecto o asfaltado dun total de 1,2 quilómetros, desagregados en 3 camiños, para a mellora dos accesos e das infraestruturas básicas do rural. En concreto, actuouse no camiño de Edreira e no camiño de Santo Domingo, que se atopaban en mal estado; e no camiño de Moi, que estaba aínda sen asfaltar, con pavimento de terra. Neste último, ademais da pavimentación, procedeuse tamén á instalación dun tubo de drenaxe para augas pluviais e á colocación dun sinal de stop no seu cruzamento coa EP-6104.

A Deputación fixo posible que o Concello de Dozón teña recibido desde 2015 un orzamento total de máis de 2,7 millóns de euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. En concreto, este concello de Deza destinou a maior parte destes investimentos á pavimentación de camiños rurais, á construción de muros e, entre outras melloras dos servizos rurais, ao reacondicionamento dun albergue para peregrinas e peregrinos. Ademais, a contribución da institución provincial permitiulle contratar a preto de 50 persoas desempregadas. Este ano o municipio dispón de 370.000 euros para novas actuacións coas que mellorar a calidade de vida da veciñanza.