Noticias

O Goberno da Deputación de Pontevedra aproba case dous millóns de euros para outros oito municipios ao abeiro do Plan Concellos

A Xunta de Goberno aprobou achegas para os concellos de Silleda, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Meis, Sanxenxo, Bueu, Tomiño e Oia


02 xullo 2021
Xunta de Goberno 07-02-2021

Dous millóns de euros chegarán a oito municipios da provincia grazas a novas achegas da liña 1 do Plan Concellos aprobadas hoxe na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Os recursos irán destinados a Silleda, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Meis, Sanxenxo, Bueu, Tomiño e Oia para realizar investimentos que "teñen que ver con melloras de viarios, coa mobilidade peonil e ciclable, co saneamento e incluso coa adquisición de terreos para un aparcadoiro", tal e como resaltou Carmela Silva.

Silleda contará cunha importante achega de 605.300 euros, o que supón o 75 % da súa partida do Plan Concellos, para mellorar varios viarios en Taboada, Margaride, Dornelas, Moalde e outras parroquias co fin de mantelos en condicións óptimas para a seguridade das persoas usuarias. A Caldas de Reis chegarán 196.000 euros para o saneamento de residuais no lugar de Paraimas, na parroquia de Saiar, e a Campo Lameiro 165.000 euros para a rehabilitación superficial de camiños de Lamosa, Castro de Orto, Conla, Agrelo e Fontenla.

A Deputación destina ao concello de Meis 102.000 euros cos que se pavimentarán camiños municipais tanto do rural como de contornos máis urbanos. As subvencións chegarán a Sanxenxo con 273.000 euros para sufragar a parte que lle corresponde ao concello da mellora da seguridade viaria e senda peonil na EP-9212 entre Noalla e a praia da Lanzada.

Para Bueu a Xunta de Goberno aprobou 98.000 euros co fin de ampliar os nichos, columbarios e cinceiros do seu cemiterio que acada unha ocupación de case o 100 %. Tomiño recibirá 442.000 euros para mellorar a mobilidade peonil e ciclable entre os equipamentos na rúa República Arxentina, un dos principais viarios de acceso ao centro do concello. A presidenta provincial destacou que "gracias aos recursos da Deputación de Pontevedra Tomiño está podendo facer fronte a un gran proxecto de mobilidade amable posto a raíz da humanización da praza do Seixo o concello está conseguindo que todos os viarios municipais do entorno sexan para os peóns e peoas". Ademais, Oia adquirirá terreos para contar cun novo aparcadoiro no entorno da baixada ao mosteiro de Santa María de Oia cunha achega de 72.500 euros.