Noticias

Domingo de portas abertas no Parque Contra Incendios e de Salvamento do Porriño

O deputado provincial Carlos López Font invita as e os máis pequenos da provincia a participar na xornada solidaria "Un sorriso por Nadal"


01 decembro 2017
Parque Contra Incendios e de Salvamento do Porriño

Este domingo 3 de decembro o Parque de Bombeiros do Porriño, do Consorcio Provincial, abrirá as súas portas nunha xornada solidaria que leva organizando desde hai catro anos. Con "Un sorriso por Nadal", o corpo de efectivos contra incendios pretende achegarlles a pequenos e maiores o seu traballo e o material utilizado en actuacións ante unha emerxencia.

O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, anima as persoas da provincia para que, acompañadas dos máis pequenos e pequenas da casa, asistan e participen nas actividades. Durante a xornada de portas abertas, que comezará ás 11:30 h e estenderase ata as 19:30 h, haberá demostración de manobras, unha mostra do servizo que realizan e unha visita guiada ás instalacións.

Esta iniciativa ten unha dobre finalidade. Por unha banda, amosar o servizo que lle prestan os efectivos de emerxencias á cidadanía e, por outra banda, levar a cabo unha festa da solidariedade na que se recollerán alimentos e tapóns en beneficio da Asociación Asistencial SOS Tomiño-O Baixo Miño.