Noticias

Do repoludo gaiteiro a Cristina Pato, o museo fai un percorrido pola historia da gaita da man dos debuxos de César Lombera

O director Xosé Manuel Rey subliña a importancia de manter viva "a nosa música tradicional e a garantir o futuro dun aspecto moi singular do noso patrimonio inmaterial"


30 setembro 2021
Exposición Gaiteiraos

Un repoludo gaiteiro, Perfecto Feijoo e o loro Rabachol, Avelino Cachafeiro, Manuel Dopazo, Ricardo Portela, Os Areeiras de Catoira, Carlos Núñez, Susana Seivane, o irlandés Davy Prillane, o bretón Bagad Kemper, os 10 ‘pipers' escoceses ou Aurora Rodríguez son algunhas das persoas protagonistas das exposición que hoxe abre o Museo de Pontevedra, Gaiteiraos, e que amosa 35 debuxos do artista César Lombera.

A mostra recolle unha serie de creacións sobre sonadas gaiteiras e gaiteiros a través da historia e aspira, en palabras do autor hoxe na inauguración, "a ser unha oportunidade de homenaxear e poñer en valor estas persoas dedicadas á música no mundo cultural e reivindicalas como unha mostra sobranceira do noso patrimonio inmaterial".

Lombera falou das orixes do instrumento e subliñou que as peregrinas e os peregrinos a Santiago de Compostela levaban gaitas de volta aos seus países de orixe, e como no século XIX e en gran parte do XX as bandas de gaiteiras e gaiteiros eran protagonistas de toda festa que se prezase. "Tocaban na alborada e facían o pasacalle, acompañaban o santo na procesión, facían a sesión vermú e tocaban ata altas horas músicas bailables e de moda. Moitas persoas acadaron fama internacional en Europa e Hispanoamérica, ata que a aparición das orquestras modernas con grupos electri­ficados ­fixeron que perdesen ese protagonismo, do que deixaron as pegadas no costume popular".

Tamén fixo Lombera mención á representación iconográ­fica das gaitas, dende a época romana protagonistas de moedas, ou das miniaturas que ilustran as Cantigas de Santa María, de Afonso X, cun aspecto luxoso, "do que se deduce o carácter culto do seu emprego". Destacou, por estar na propia exposición, e pola súa antigüidade,  o capitel románico do século XI procedente de Melide que actualmente conserva o Museo de Pontevedra, e finalizou a súa intervención desexando "longa vida para as gaiteiras e gaiteiros e a súa música!".

Pola súa parte, o director do Museo Xosé Manuel Rey, subliñou que "os gaiteiros e gaiteiras da nosa terra que contribuíron, e seguen a contribuír, a manter viva a nosa música tradicional e a garantir o futuro dun aspecto moi singular do noso patrimonio inmaterial".

Rey agradeceu ao autor o seu interese en expor no Museo "esta mostra na que tanto cariño puxo" e salientou tamén a súa faceta de escultor. "Moitos dos seus traballos pódense considerar obra pública e se distribúen por rúas e prazas do noso territorio. Algúns deles, como a escultura de Valle Inclán ou o conxunto escultórico de Bóveda, Castelao, Quiroga, Paz-Andrade, Casares e Cabanillas son xa puntos de referencia dentro da cidade de Pontevedra".

A mostra ‘Gaiteiraos' poderase visitar no segundo andar do Edificio Sarmiento do Museo ata o 28 de novembro.