Noticias

Digna Rivas asistirá en Cambados á charla de Cristina Palacios na inauguración oficial da exposición "Sorrisos transformadores"

A mostra estará no Salón de Plenos do Concello ata o 28 de setembro co obxectivo de concienciar sobre as diferentes identidades sexuais e sobre a non discriminación


18 setembro 2018
Exposición

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá este mércores ás 11.00h, xunto á alcaldesa, Fátima Abal, á inauguración oficial da mostra concienciadora da Deputación de Pontevedra, "Sorrisos Transformadores". Durante o acto de presentación da exposición, que xa está en Cambados desde o pasado luns, Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans* ARELAS, impartirá unha charla na que afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

A charla, que terá lugar no Auditorio Municipal, servirá para presentar esta iniciativa da Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS e a ela asistirán o alumnado e o profesorado do instituto do concello.

"Sorrisos Transformadores", que en Cambados estará dispoñible no Salón de Plenos do Concello ata o vindeiro día 28 de setembro (de luns a venres en horario de 9 a 14 h) é unha mostra fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias. Así, pretende sensibilizar sobre esta realidade co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

Trátase dunha exposición itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A mostra consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son pero que, pola súa profesión, están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna.

A finalidade de "Sorrisos Transformadores" é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.


Novas relacionadas

Sorrisos Transformadores

28 xaneiro 2018, digna rivas, ponte caldelas, sorrisos transformadores, andrés díaz