Noticias

A Deputación conmemora este luns o Día Mundial do Cancro de Mama tinguindo de rosa o Pazo Provincial en Pontevedra

A institución únese á demanda de ADICAM, Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e xinecolóxico, para visibilizar a doenza e concienciar á sociedade


19 outubro 2020
Día Mundial do Cancro de Mama

A Deputación de Pontevedra iluminará de rosa o seu Pazo Provincial na tarde deste luns ao abeiro da conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro. Deste xeito a institución únese á demanda de ADICAM, a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e xinecolóxico, para visibilizar ás persoas afectadas pola enfermidade

Cada ano diagnostícanse en España máis de 33.000 novos casos de cancro de mama e xinecolóxico en España e por iso cómpre visibilizar esta doenza para concienciar á sociedade da importancia da investigación e diagnóstico precoz. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra únese ás demandas de ADICAM, entidade que leva case vinte anos traballando neste ámbito na provincia, para mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas, sensibilizar á poboación sobre a enfermidade, dinamizar á comunidade e promover hábitos saudables entre a cidadanía.

O cancro de mama trátase do tumor máis frecuente nas mulleres occidentais. De feito unha de cada oito mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida e entre o 2012 e o 2019 detectouse un incremento da enfermidade do 7,5%. Para un gran número de mulleres en idade laboral o cancro supón un serio agravante á súa situación socioeconómica, ao ter que asumir elevados custes derivados da enfermidade, amais de ter un importante impacto emocional, físico, persoal, familiar, laboral e económico entre as mulleres que padecen a enfermidade.