Noticias

A Deputación tínguese de azul e revalida o seu compromiso con UNICEF no Día Mundial da Infancia

O Pazo Provincial iluminarase esta fin de semana co fin de visibilizar e concienciar á cidadanía sobre a importancia de sumar esforzos para garantir os dereitos e o benestar dos nenos e nenas de todo o mundo


19 novembro 2021
Día Mundial da Infancia

A Deputación de Pontevedra iluminará de azul o seu Pazo Provincial desde as 19.00 deste venres ata as 8.30 da mañá do domingo ao abeiro do Día Mundial da Infancia. A celebración coincide coa conmemoración do 75 aniversario de UNICEF (Fondo das Nacións Unidas para a infancia) e, como cada 20 de novembro, a institución provincial súmase ás accións que se desenvolven para dotar de visibilidade e concienciar á cidadanía sobre a importancia de sumar esforzos para garantir os dereitos e o benestar dos nenos e nenas de todo o mundo. Amais, a Deputación vén de revalidar o seu apoio a UNICEF e ao seu programa de atención e protección aos nenos/as máis vulnerables fronte aos efectos da pandemia en Siria.

Para o ente provincial é fundamental sumarse ás iniciativas e asociacións que están comprometidas coa protección, a educación e a supervivencia dos nenos e nenas en situacións de emerxencia. Como mostra disto, este ano colabora co proxecto de UNICEF, que ten como obxectivos principais asegurar o acceso a servizos básicos de auga, saneamento, hixiene e saúde para reducir a transmisión e mortalidade a causa da Covid19 nas familias máis vulnerables e protexer ao persoal sanitario de Siria. Trátase dun programa moi necesario no actual contexto de crise sanitaria no que se atopa o país do Oriente Próximo, co que UNICEF contribuirá a acadar o seu obxectivo en Siria de chegar a máis de cinco millóns de persoas con medios de prevención do coronavirus e a máis de 120 centros de saúde, que se beneficiarán de equipos de protección e servizos de hixiene.

Este ano o Fondo das Nacións Unidas pola infancia celebra o seu 75 aniversario de traballo a favor dun cambio nas vidas dos nenos máis desfavorecidos do mundo. Desde os seus inicios ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, UNICEF continúa a combater na primeira liña das crises humanitarias, conflitos armados e desastres naturais. Na actualidade, esta asociación está presente en 17 comunidades autónomas, e supera os 400.000 socios/as sen contar todos/as donantes e entidades que a apoian en España para facer posible a súa labor en todo o mundo.

Os nenos e nenas constitúen o colectivo máis vulnerable e, por conseguinte, o que máis sofre as crises e os problemas do mundo. Este día mundial volvemos lembrar que todos os nenos e nenas teñen dereito á saúde, a educación e a protección, independentemente do lugar do mundo no que naceran; facemos un chamamento mundial sobre as necesidades das e dos máis cativos e recoñecemos e pomos en valor a labor das persoas que traballan día a día para que a infancia teña un futuro mellor.