Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase ao Día Internacional das Mulleres Rurais coa reivindicación de visibilizalas e empoderalas

A institución abriu hoxe o prazo de inscrición para participar na xornada "As mulleres e os efectos da Covid -19 na Galicia rural" que terá lugar on line o 28 de outubro


15 outubro 2020
Día Internacional das Mulleres Rurais

A Deputación de Pontevedra celebra hoxe o Día Internacional das Mulleres Rural adheríndose á declaración institucional da FEMP para reivindicar o papel das mulleres no medio rural e facer fincapé na necesidade de adoptar medidas para garantir unha mellora na súa situación, e máis no contexto de crise sanitaria actual. Xunto a esta adhesión, a institución provincial abriu tamén hoxe, a través de www.depo.gal, o prazo de inscrición para participar na xornada "As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural", en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR),  que terá lugar o 28 de outubro ás 11.00 horas a través de zoom.

O goberno provincial, en liña coa declaración institucional da FEMP impulsada con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, sitúa á "igualdade de xénero no ámbito rural como unha prioridade, sobre todo tendo en conta a masculinización á que está sometida a súa poboación, que xera vulnerabilidade e invisibilidade entre as mulleres rurais". Deste xeito, a Deputación considera fundamental empoderar ás mulleres e nenas do rural, erradicar comportamentos desiguais neste ámbito, reivindicar a necesidade de garantir a financiación suficiente para impulsar políticas de igualdade no rural e facer fincapé no papel esencial das mulleres para o desenvolvemento económico destas zonas.

A Deputación tamén vén de lanzar hoxe mesmo o formulario para habilitar a inscrición a través de www.depo.gal  na xornada "As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural".  Esta actividade, en colaboración con FADEMUR, celebrarase o día 28 de outubro a partir das 11.00 horas vía zoom e nela participarán mulleres dos sectores hortofroiteiro, como Patricia Rodríguez, socia da Asociación de Cultivos do Baixo Miño acuBam; do sector gandeiro, como Mari Luz García Barreiro, produtora de vacún de carne da raza rubia galega de Nigoi, A Estrada; da educación pública como Teresa Domínguez Pérez, directora do Colexio Rural Agrupado de Tui; e de entidades sociais como Rosa Arcos Caamaño, presidenta de FADEMUR Galicia. Todas elas afondarán en temas como o impacto da covid nos seus respectivos sectores, os retos durante o confinamento e na nova normalidade, a corresponsabildiade, a volta ao colexio, o espazo rural na era post - covid e os retos de futuro.

A xornada "As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural" enmárcase na campaña "Pontevedra Provincia Alianza Local" que fai fincapé en cada un dos ODS ao longo dos vindeiros meses e que comezou xa centrándose nas "Alianzas para acadar os obxectivos". Deste xeito, durante outubro a Deputación remarcará o seu empeño para aliñar as políticas públicas de toda a provincia nesta axenda internacional celebrando días internacionais como o de hoxe, das Mulleres Rurais, pero tamén o da Alimentación (16 outubro); o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza (17 outubro); o Día Mundial de Protección da Natureza (18 de outubro); o Día das Escritoras (19 de outubro); o Día Mundial do Aforro de Enerxía (21 de outubro); os días das Nacións Unidas, da Información sobre o Desenvolvemento e contra o Cambio Climático (24 de outubro); e  os días mundial das Cidades e do Aforro (31 de outubro).