Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase ao manifesto da FEMP para garantir a igualdade real no Día Internacional da Nena

A institución provincial vén de adherirse á Declaración Institucional da Federación Española de Municipios e Provincias para promover a igualdade entre xéneros dende as idades máis temperás


11 outubro 2020
Día Internacional da Nena

A Deputación de Pontevedra súmase ao manifesto da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a conmemoración do Día Internacional da Nena e promover a importancia de garantir a igualdade real entre xéneros, dende as idades máis temperás.

A Declaración Institucional clama pola defensa da igualdade e a loita contra todo tipo de discriminación por razón de idade ou de xénero, recoñece o papel esencial das nenas como futuros axentes de cambio e defende a súa visibilización e empoderamento como estratexia para o cambio e para a construción dun futuro en igualdade. Tamén reivindica a necesidade de recursos para crear estruturas de participación e de decisión para as nenas e tamén da financiación suficiente para levar a cabo competencias en materia de igualdade e asegurar a implementación de todas as iniciativas necesarias. Por último, o manifesto recorda que a situación actual esixe actuar agora para previr consecuencias a longo prazo e pide datos desagregados por sexo e idade para identificar que medidas son necesarias para garantir os dereitos de nenas e adolescentes.

Ao longo da historia, millóns de nenas de todo o mundo sufren, de forma cotiá, algún tipo de discriminación pola súa idade ou xénero. A crise sanitaria, económica e social derivada da covid-19 agrava esta situación, xa que provocou que miles de familias estean inmersas na pobreza, o que acentúa as desigualdades. Amais, as medidas de illamento social e o aumento das tarefas de coidado tiveron un impacto distinto en mulleres e homes, devolvendo ao xénero feminino ao desempeño dos traballos domésticos, reforzando os xéneros preestablecidos, consolidando patróns que fixan actitudes e comportamentos referentes para miles de nenas e nenos.

Pola súa banda, moitas vítimas de violencia de xénero víronse obrigadas a pasar longos períodos de tempo cos seus agresores, incrementando o risco de sufrir violencia no ámbito familias e incrementando a tensión á que están sometidas tantas mulleres e as súas fillas e fillos. Por todos estes motivos, este manifesto é hoxe máis importante que nunca.