Noticias

O pazo provincial da Deputación tínguese de verde polo Día Internacional da Concienciación sobre a Perda e Desperdicio de Alimentos

A institución provincial únese á celebración deste 29 de setembro, inserida na programación da "IV Semana contra o Desperdicio de Alimentos" de ACECOC


28 setembro 2021
Pazo provincial da Deputación

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo Provincial desde as 20.30  deste mércores 29 de setembro ata as 8.00 da mañá do xoves 20 ao abeiro do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e Desperdicio de Alimentos. Deste xeito a institución únese á "IV Semana contra o Desperdicio Alimentario", que organiza a ACECOC (Asociación de Empresas do Gran Consumo) no marco da campaña "A alimentación non ten desperdicio", na que participan preto de 700 empresas.

A través desta iniciativa preténdese sensibilizar a todos os axentes económicos e sociais da importancia de aproveitar os alimentos e evitar que se desperdicien e rematen converténdose en residuos. Deste xeito, este mércores procederase á "Marea verde contra o desperdicio alimentario" co prendido de verde de todos os edificios emblemáticos e a AECOC difundirá, ao longo da semana, as receitas incluídas no libro "Estrelas contra o desperdicio", no que 30 chefs con Estrela Michelin cederon unha receita cuxos beneficios solidarios serán doados integramente á Federación Española de Bancos de Alimentos.

Cada ano pérdense ou desperdícianse, segundo a consultora BCG, 1.600 millóns de toneladas de alimentos por valor de 1,2 mil millóns de euros, o que supón un terzo da cantidade total producida a nivel mundial. 11 persoas morrendo de fame ao minuto, mentres outras miles tiran comida. 870 millóns de persoas desnutridas no mundo. A perda de alimentos constitúe un problema medioambiental e un impacto social e humanitario que afecta directamente na sociedade. É un problema de índole internacional que fai necesaria a implicación de todos os axentes sociais e económicos para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, que establecen o reto de reducilo á metade para tratar de eliminar a pobreza extrema e a desnutrición.