Noticias

O Arquivo da Deputación celebra o Día do Patrimonio Audiovisual con máis de 3.000 referencias

A deputada María Ortega destaca que o Servizo de Patrimonio ampliou o número de rexistros "de xeito sobranceiro" incorporando pezas afastadas dos circuítos comerciais para consulta da cidadanía


27 outubro 2020
Día do Patrimonio Audiovisual

O Arquivo da Deputación celebra hoxe o Día do Patrimonio Audiovisual cun fondo audiovisual que supera xa as 3.000 referencias. Trátase de pezas audiovisuais propias, xeradas pola Deputación de Pontevedra no decurso das súas actividades, ademais de fondos audiovisuais galegos – ou relacionados con Galicia- en todo tipo de formato: longametraxes, curtametraxes, documentais, traballos de videocreación ou programas e reportaxes televisivos, entre outros, e tamén en diferentes tipoloxías que dan conta da evolución técnica dos soportes: filmes de 8, 16 e 35mm, cintas magnéticas, U-matic, VHS, Beta, MiniDV, DVD, arquivos dixitais.

Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega, todos estes fondos supoñen "unha importante riqueza relacionada coa provincia e co resto da Galiza que debe salvagardarse e divulgar ante a cidadanía, xa que non por estar fixada en formatos e soportes máis recentes corre menos risco de perda ou desaparición".  Nesta mesma liña argumental fíxose público o lema deste ano para a celebración do Día do Patrimonio Audiovisual (cada 27 de outubro), que é ‘A túa xanela ó mundo', e alerta da necesidade de tomar conciencia sobre o mantemento deste tipo de patrimonio.

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación creou a sección de Fondos Documentais no ano 200, que nestes momentos ten abertas varias liñas de traballo. Unha delas é a implantación dun servizo de streaming  en colaboración co Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, que permitirá ver a través do metabuscador AtoPO as gravacións propias da institución: actos institucionais do organismo provincial, documentais ou reportaxes gravados no Servizo dende a década dos anos 80 do século XX. Este traballo se desenvolve en paralelo coa posta a disposición da cidadanía das gravacións sonoras de máis de 200 plenos e reunións institucionais da Deputación, tamén a través do metabuscador.

Por outra parte, a sección de Fondos Documentais tamén traballa no desenvolvemento dun arquivo do audiovisual galego, co obxectivo de manter e reforzar unha política estable de ingreso de fondos, ofrecendo ós creadores audiovisuais galegos a posibilidade de arquivar os seus traballos para que estean dispoñíbeis para a consulta de persoal investigador e cidadanía xeral, respectando sempre os seus dereitos de propiedade intelectual.

Nos dous últimos anos ampliouse de xeito sobranceiro o número de rexistros a través da colaboración dun bo número de persoas creadoras que cederon as súas obras. Cómpre salientar que os materiais que máis nos interesan son aqueles que están máis afastados dos circuítos comerciais, como os documentais, as curtametraxes, o cinema experimental, o cinema de animación, as webseries e os formatos nativos na rede, así como o cinema afeccionado.

Finalmente, estanse a realizar campañas de salvagarda do patrimonio audiovisual, contando xa con máis de 50 gravacións familiares ou de cineastas afeccionados, en formato 8mm ou VHS, que se van dixitalizar e difundir a través da web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.