Noticias

A cor azul turquesa tinguirá este xoves o Pazo Provincial da Deputación para conmemorar o Día da Dislexia

A institución únese á campaña #UnidosPorLaDislexia impulsada pola Asociación Dislexia e Familia (DISFAM), a Federación Española de Dislexia (FEDIS) e a Organización Iberoamericana das DEA (OIDEA)


07 outubro 2020

A Deputación de Pontevedra iluminará de azul turquesa o seu Pazo Provincial na tarde deste xoves ao abeiro da conmemoración do Día da Dislexia. Deste xeito a institución únese á campaña #UnidosPorLaDislexia impulsada pola Asociación Dislexia e Familia (DISFAM), a Federación Española de Dislexia (FEDIS) e a Organización Iberoamericana das DEA (OIDEA)

A través desta iniciativa preténdese visibilizar este trastorno, que afecta ao 10% da poboación mundial, así como outras dificultades específicas da aprendizaxe, facendo fincapé na importancia da detección e actuación precoz para evitar o fracaso ou abandono escolar. Empregarase para tinguir o Pazo provincial da Deputación  a cor azul turquesa xa que ten connotacións positivas para as persoas con dislexia e promove a súa creatividade, calma, serenidade, tranquilidade e relaxación.

Máis de 4,6 millóns de españolas e españoles e 800.000 nenas e nenos nas aulas teñen dislexia pero soamente o 33% reciben a atención profesional necesaria. Calcúlase que nunha clase de 25 alumnas e alumnos ao menos un/unha terá dislexia. Amais, preto do 60% do fracaso escolar está protagonizado por alumnado con dificultades de aprendizaxe, sendo unha delas a dislexia.