Noticias

A nova sinalización horizontal chega ás estradas da Deputación no Deza-Tabeirós

Nesta semana, se a climatoloxía o permite, pintaranse 109,6 quilómetros de liñas lonxitudinais no concello de Lalín despois de rematar varias vías na Estrada


26 xuño 2017
estrada pintada

As estradas da Deputación nas comarcas do Deza-Tabeirós empezan a lucir a súa nova sinalización horizontal. Os traballos de pintado de vías contratados pola institución provincial na zona norte da provincia comezaron polo concello da Estrada, onde xa se melloraron varias vías. Nestes momentos os operarios da empresa adxudicataria están xa no concello de Lalín, onde se repintarán 109,6 quilómetros de sinalización en cinco estradas de titularidade da Deputación, tal e como estaba previsto no plan global de actuación para toda a provincia.

O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade que dirixe Uxío Benítez beneficiará a 226 estradas de titularidade provincial, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede da Deputación, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros.

A mellora da sinalización horizontal, segundo asegura Benítez, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación, que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixe clave. O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

Nestes días, se a climatoloxía o permite, procederase ao pintado das EP-6001 entre Lalín-Botos e Gresande; na EP-6006, entre Bermes e Palmou; na EP-6007 entre Goleta, Cercio, Rodo e Brántega; na EP-6009 entre Lalín-Rodo-Brántega e na EP-6010 entre As Lamas, Muimenta e Ventosa. O orzamento deste pintado no concello de Lalín ascende a 49.487,75 euros.

Rozas

Ademais do plan global de sinalización horizontal a Deputación tamén está a levar a cabo o habitual Plan de rozas e melloras de cunetas para o mantemento das estradas provinciais. Nesta ocasión, ademais de executar a planificación de rutina, estanse a compaxinar as rozas de xeito previo ao pintado das estradas.

As rozas estanse a realizar estes días na EP-7204 Soutelo-Ratel (Forcarei); na EP-6104 Castro-Dozón-Saa-Rocha (Dozón); na EP 8504 Forno-Cernadas (Valga); na EP 9213 Granxa-Dorrón (Sanxenxo); na EP 0002 Marco-Tomeza-Figueirido (Pontevedra) e finalmente na EP 0307 Peso-Caroi (A Lama), onde continuará uns días máis e na EP 0407 Borela-Ponte Caldelas (Cerdedo-Cotobade), na zona norte e centro da provincia, entre outras actuacións, a cargo tanto das brigadas provinciais como das empresas adxudicatarias destes traballos.

Plan Móvese

Finalmente, o departamento de Mobilidade tamén está a instalar nestas semanas os pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade nas estradas de Silleda, Catoira e Caldas: EP-6004 Prado-Vilatuxe, EP-7201 Cachafeiro-Silleda, EP-6502 Silleda-Castro Merza; EP-8502 Valga-Baño, EP-8502 Catoira-Torre do Oeste, e EP-8505  Ferreiros-Vilar.

Fotos