Noticias

Deputación, Universidade e Concello alíanse para investigar como rexenerar os solos do monte da Canicouva co compost da nova planta

O vicepresidente César Mosquera informou hoxe do convenio entre as tres entidades, que terá unha contía de 230.000 euros para tres anos


05 out 2016
Plan compost
Plan compost

A Deputación de Pontevedra, o Concello e a Universidade de Vigo traballarán de forma conxunta os tres vindeiros anos para investigar como rexenerar os solos do monte da Canicouva co compost da nova planta de compostaxe. Profesores e doutores da UVigo centrarán os seus estudos en buscar posibilidades de mellora do compost de menor calidade (denominado bioestabilizado) para atopar un aproveitamento con garantías nos usos forestais: o obxectivo é  obter un recurso valioso o que ‘a priori' é un residio e non se pode aproveitar.

Segundo explicou hoxe o vicepresidente provincial, César Mosquera, a planta de A Canicouva ten como obxectivo producir só compost de gran calidade (tipo A) que se poida destinar á comercialización ou á fertilización de xardíns e zonas públicas. En calquera caso, sinalou que a Deputación quere ter previstas todas as situacións posibles e, no caso de que na planta se produzan partidas de calidade máis baixa -porque os residuos orgánicos non estean ben separados en orixe ou por outras circunstancias-, "queremos ver como se pode corrixir ese bioestabilizado para buscar un uso beneficioso".

"Non ten sentido utilizar o compost tipo A no monte, e se no banco de probas que será o monte de A Canicouva se demostra que é posible conseguir bos resultados co bioestabilizado, a investigación será moi trascendente porque sería extensiva e facilitaríase a rexeneración de solos, facéndoa máis simple e moito máis barata, xa que agora as técnicas son moi complicadas ou custosas", engadiu.

Tres anualidades

Mosquera explicou que o convenio entre a Deputación, o Concello e a Universidade de Vigo vaise asinar nas vindeiras semanas e terá unha contía de 230.000 euros que aportará a institución provincial en tres anualidades (100.000 euros este ano, 70.000 no 2017 e 60.000 no 2018).

A Universidade, mediante a área de Edafoloxía e Química Agrícola, colaborará aportando persoal técnico cualificado, coñecemento e uso dos laboratorios e outras instalacións. O grupo de investigación estará formado polas profesoras Purificación Marcet e Emma Fernández Covelo na dirección e dous doutores que investigarán de maneira exclusiva. Tamén colaborarán os alumnos da UVigo que queiran realizar os seus traballos de fin de carreira ou de master sobre a compostaxe.

Pola súa banda, o Concello aportará as 10 hectáreas de terreo das que dispón en A Canicouva grazas ao acordo coa Comunidade de Montes para a instalación da planta de compostaxe. "A planta ocupará pouco máis dunha hectárea –explicou Mosquera-, polo que queda moito terreo no que actuar. Hai zonas moi pobres e degradadas, ladeiras que son verdadeiros pedregais, ou áreas afectadas polos incendios e pola existencia de canteiras que se usaron no seu tempo. Hai moito onde aplicar ese bioestabilizado e realizar unha investigación avanzada".

Unha das directoras da investigación, a doutora Fernández Covelo, explicou que tecnicamente o obxectivo xeral do proxecto é ver a viabilidade da aplicación do material bioestabilizado sobre a calidade do solo de A Canicouva, avaliando os problemas existentes en cada zona e mellorando as cualidades físico químicas do ‘compost' para favorecer a rexeneración natural de cada tipo de solo.

A profesora da facultade de Forestais Purificación Marcet afondou na explicación do traballo da UVigo e sinalou que os experimentos comezarán no mes de novembro e prolongaranse durante tres anos. Traballarase inicialmente con probas en invernadoiro e contedores para logo actuar en parcelas controladas do monte, faranse test de xerminación e incluso avaliacións de potenciais contaminacións por lixiviados, entre outras actividades.

Pola súa banda, o asesor de residuos da Deputación, Carlos Pérez, quixo facer fincapé en que con este traballo do Plan Revitaliza en colaboración coa universidade "quérese cubrir todo o abano de posibilidades sobre o produto que saia da planta da Canicouva". "Ao idear a planta non queriamos asociala a ningún vertedoiro. Queremos que os residuos que non se poidan tratar vaian a Sogama, pero entendemos que hai usos ‘menos nobles' dos produtos que non son un compost excelente ‘sensu estricto', senón bioestabilizados, aos que queremos buscar unha saída razoable, e iso queremos sabelo xa, non investigar a posteriori", asegurou.

Finalmente, o vicepresidente Mosquera subliñou que "é unha sorte ter á Universidade de Vigo e aos seus investigadores sintonizando neste proxecto, porque a investigación sobre os usos do compost e dos bioestabilizados pode ser moi beneficiosa para nós e tamén para eles".