Noticias

Deputación e Tragsa estudian a posibilidade de que a empresa pública realice o traslado do parque de maquinaria e a rexeneración da xunqueira de Alba

A presidenta, Carmela Silva, e o presidente de Tragsa, Jesús Casas, mantiveron un primeiro encontro para explorar opcións cara ao desenvolvemento do proxecto


01 maio 2021
Reunión con Tragsa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente de Tragsa, Jesús Casas, que se desprazou estes días a Galicia, mantiveron nas últimas horas unha primeira reunión para explorar a posibilidade de que sexa a empresa pública quen realice o futuro traslado do parque de Maquinaria da institución provincial ao polígono de Barro, e posteriormente acometa a anunciada rexeneración dos terreos que actualmente ocupa na xunqueira de Alba en Pontevedra.

O proxecto ten previsto desenvolverse en varias etapas que abranguen: a implantación física das novas instalacións do parque central de maquinaria no polígono de Barro, entre elas o taller, espazos de almacenaxe, oficinas e zona administrativa, vestiarios, aseos, exteriores e xestión dos residuos; o traslado das actividades e do persoal; a posterior demolición das edificacións existentes na parcela da Xunqueira; e, finalmente, os traballos para a recuperación ambiental e rexeneración da zona cos obxectivos de recuperar a superficie do humidal e a integración socio-cultural da xunqueira de Alba

A Deputación de Pontevedra e a empresa pública Tragsa manterán proximamente primeiros encontros técnicos para ir definindo as necesidades do proxecto que está actualmente en fase de redacción.

Os concellos poderán operar con Tragsa

Na reunión, tamén se avaliou o éxito logrado para dar resposta a unha das principais demandas dos concellos da provincia: facilitar que os municipios de ata 50.000 habitantes teñan a posibilidade de operar directamente coa empresa pública, conseguindo, así, adiantar prazos e simplificar os procesos de tramitación nos proxectos municipais.

Carmela Silva e Jesús Casas supervisaron os detalles do novo procedemento, que se desenvolverá mediante convenios-tipo cos concellos para que Tragsa, como medio propio personificado da Deputación, poida realizar aquelas actuacións que se enmarquen no seu obxecto social. Isto supón que os concellos poderán operar coa empresa pública para calquera obra ou servizo vinculado con elementos agrogandeiros, forestais, medioambientais etc..., aínda que tamén poderán facelo en situacións de urxencia ou emerxencia, procedementos que quedaran desertos ou contratos resoltos por incumprimento do contratista.

A Deputación xa remitiu aos concellos a resolución presidencial coa aprobación deste procedemento e o convenio tipo que deberán asinar, amais da información sobre a asistencia técnica que se porá a disposición dos municipios durante todo o proceso.