Noticias

Deputación e o Concello suman novas sinerxías para investir máis de catro millóns de euros en humanizacións en Vigo

Carmela Silva: "A Deputación inviste en Vigo porque entende que é o pulmón fundamental para o desenvolvemento da provincia e do conxunto de Galicia, e facémolo sen retrotraer recursos doutros concellos"


08 outubro 2020
Humanización Vigo

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo investirán máis de 4 millóns de euros en novas humanizacións no rural e no centro da cidade, como anunciaron hoxe a presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Abel Caballero. En total, a institución provincial achegará máis de 3 millóns de euros e o Concello un millón para humanizar ata 28 estradas nas parroquias de Coruxo, Beade, Sárdoma, Valadares, Matamá, Teis, Cabral, Lavadores, Sampaio, San Xoán, Salgueira, Sárdoma, Bembrive, Gándara, Alcabre e Zamáns, así como tres rúas do centro: Taboada Leal, Serafín Avendaño e Hispanidad.

"A Deputación inviste en Vigo –asegurou a presidenta Carmela Silva– porque entende que é o pulmón fundamental para o desenvolvemento de toda a provincia e do conxunto de Galicia e facémolo sen retrotraer recursos doutros concellos". Neste eido, Silva recordou a transformación que está a vivir a provincia de Pontevedra da man da Deputación, "cun modelo de infraestruturas que o concello de Vigo fai moito tempo que puxo en marcha, ligado á recuperación do espazo público para xente, para que haxa unha mobilidade do século XXI, garantindo a accesibilidade e actuando en todo o territorio, no centro das cidades e tamén no rural". 

Pola súa banda, o alcalde de Vigo agradeceu a colaboración continua da institución provincial e amosou a súa satisfacción porque "é a primeira vez na historia que a Deputación está atender a Vigo como se merece". Neste eido, Caballero indicou que dos catro millóns de euros en novas humanizacións que van impulsar ambas institucións na cidade, preto de tres millóns irán ao rural e 1,7 millóns ao centro.

No que respecta ao rural vigués, a través da colaboración entre a Deputación e o Concello vanse realizar actuacións na estrada da Venda de Beade, na estrada José Rivas de Coruxo, na subida a Relfas de Sárdoma, en Paradela de Teis, no camiño da Pomba en Valadares, na estrada da Balsa en Matamá, en Severino Covas de Lavadores, na rúa Sarabio de Lavadores, no Camiño Noiana de Lavadores, en Penís de Baixo en Cabral, na rúa Aguadiña de Sampaio, en Areeiro en Sampaio, na rúa Vista do Mar de San Xoán, na rúa Coutadas de Salgueira, Abade Juan de Bastos en Matamá, estrada Fragosiña en Sárdoma, rúa Relfas en Beade, rúa Eifonso en Bembrive, rúa Costa en Gándara, rúa Pouleira en Beade, estrada Foxo en Valadares, Camiño Quinta en Valadares, Camiño Pinal en Valadares, Camiño Simona en Valadares, rúa Viña Grande en Alcabre, camiño Pomba en Valadares e estrada Cidáns en Zamáns.  

En canto ao centro da cidade, e por valor de 1,7 millóns de euros, mediante o convenio entre as dúas institucións, vanse humanizar as rúas Taboada Leal, entre Venezuela e a ronda de Don Bosco; Serafín Avendaño entre Areal e Rosalía de Castro; e Hispanidad entre as rúas Zamora e Pintor Colmeiro.