Noticias

Deputación de Pontevedra e Concello do Grove cumpren coa demanda histórica do esperado auditorio que vai transformar a realidade da vila

O espectacular inmoble incorporará, ademais das instalacións para actividades culturais e formación musical, a urbanización da cuberta que acollerá un espazo público ao aire libre, cun parque e un miradoiro con toda a panorámica da ría de Arousa


06 agosto 2020
O Grove

A histórica demanda do Auditorio e Escola de Música do Grove será unha realidade a finais deste ano, grazas ao esforzo e a colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello. Despois de décadas de espera, ambas as dúas institucións  invisten conxuntamente ata 4 millóns de euros neste proxecto que, como sinalou hoxe a presidenta, Carmela Silva, "vai ser non só unha referencia no Salnés, porque non hai nada como isto en toda a provincia", e que cumpre con "todos os parámetros dunha sociedade do século XXI, porque está pensado para seguir promovendo algo fundamental, como é o acceso universal á cultura, e para proxectar futuro".

O espectacular inmoble, cuxas obras visitou hoxe a presidenta provincial, xunto ao alcalde do Grove, José Cacabelos, o equipo técnico e persoas integrantes do goberno municipal, se incorpora de xeito harmonioso no Monte da Vila e se converterá nun impoñente reclamo para o municipio. O auditorio permitirá, como recalcou Carmela Silva, "que a xente poida desfrutar dun espazo cultural multiusos e tamén dunha das mellores vistas non só da provincia, senón do mundo, porque son un auténtico privilexio". "Este proxecto é unha idea global, unha edificación construtivamente moi fermosa onde están pensados cada un dos usos e cuestións técnicas".

A presidenta lembrou que a Deputación aporta 1,5 millóns desta obra a través do Plan de Reequilibrio, que permite dotar de equipamentos e servizos aos concellos da provincia e que é a única administración galega que está a apostar estes investimentos. "É preciso –engadiu– que a administración autonómica entenda que a única forma que temos para garantir o futuro e que a xente teña os mesmos dereitos e servizos viva onde viva, é investir en grandes proxectos". Neste senso, aplaudiu a valentía do goberno municipal do Grove por apostar por unha actuación ambiciosa "propia dunha administración do século XXI que é capaz de proxectar non só o presente, senón tamén o futuro", e destacou que este municipio está "sendo transformado como nunca na súa historia grazas ao alcalde e a unha administración provincial que é sensible ao que precisa a veciñanza".  

Como explicou o alcalde, José Cacabelos, a previsión é que as obras estean rematadas a finais deste ano, momento en que terá lugar "unha inauguración que ten que traspasar fronteiras, porque este edificio, a idea, e este concello meco o merecen", destacou a presidenta da Deputación. "Este inmoble vai ser un punto de encontro da cultura, do turismo, da moda e da vangarda do século XXI", resaltou o rexedor, quen anunciou así mesmo unha nova proposta que se fará realidade: converter a cuberta en transitable, cun área de parque infantil, un auditorio ao aire libre e o gran miradoiro do Salnés, "onde calquera vai poder ver toda a panorámica da ría de Arousa, desde Sálvora á Toxa". Trátase dun edificio accesible, que contará, como sinalou o alcalde, cun ascensor de doce metros "que nos vai permitir facer unha pasarela" ao recinto cultural. Cacabelos tamén destacou que a Escola de Música que se instalará no edificio e na que actualmente estudan cen rapazas e rapaces será tamén o principio doutro proxecto ambicioso, a creación do primeiro Conservatorio da comarca do Salnés, "porque temos que dar resposta á sensibilidade da nosa sociedade".

O alcalde agradeceu a colaboración da Deputación para facer realidade "unha demanda histórica" grazas ao compromiso da presidenta e lamentou que o da Xunta siga a ser "cero euros". "Que marabilloso é cando dúas administracións traballan xuntas. E que marabilloso sería que colaboraran tres administracións no proxecto. Sigo a dicirlle á Xunta que temos un oco marabilloso para aportar cartos e facer unha aportación económica no proxecto –apuntou–. Porque teño que agradecerlle á Xunta que todo o que aportan suma cero euros. Cero euros é a aposta cultura da Xunta do Grove, cero euros é a aposta turística... Por iso temos a sorte de contar coa Deputación, porque estes son proxectos que transforman a realidade, e que paga a pena estar en política para sacalos adiante".