Noticias

Deputación e Concello de Vigo asinan o convenio de colaboración para a recuperación e posta en valor das ruínas de Villa Solita

Abel Caballero agradeceu á Deputación "a súa permanente atención á cidade". Para a presidenta, Carmela Silva, "unha nova proba de que coa nosa chegada ao Goberno, Vigo comezou a existir para a Deputación de Pontevedra"


15 decembro 2017
Convenio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao deputado de Cooperación, David Regades, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello vigués para a recuperación e posta en valor das ruínas de Villa Solita. Este convenio, por valor de 318.952,90 euros dos cales 277.000 proceden da Deputación de Pontevedra e preto de 42.000 do Concello de Vigo, está enmarcado no protocolo de colaboración impulsado en novembro do 2015 entre ambas institucións para a posta en marcha de actuacións e proxectos na cidade, entre as que se inclúen as relativas á promoción da cultura e equipamentos culturais.

A través deste convenio preténdese recuperar Villa Solita, en Alcabre, para intervir e preservar o patrimonio e recuperar o seu valor identitario, co fin de potenciar a participación da sociedade na cultura mediante iniciativas para o fomento deste equipamento cultural. Máis polo miúdo, neste espazo catalogado no patrimonio cultural de Galicia vanse a acometer actuacións tendentes a corrixir patoloxías, consolidar estruturas, permitir o seu uso público e mellorar a accesibilidade da edificación, ademais de poñer en valor a casa indiana e propiciar a súa integración no espazo público existente.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, incidiu na "importancia política da cooperación que mostra este novo convenio e da recuperación dun espazo histórico. Quero recoñecer á Deputación, dixo o alcalde, pola súa atención permanente á cidade de Vigo"

A presidenta, Carmela Silva, sinalou que "damos cumprimento o compromiso que fixemos cando chegamos ao Goberno provincial de que Vigo empezaría a existir para a Deputación xa que antes, se poñan como se poñan, isto non ocorría. É un acto de xustiza e, ademais, sen restarlle nada a ninguén, porque esta Deputación tamén inviste moito máis no resto dos concellos da provincia". Silva asegurou que os traballos permitirán recuperar unha edificación moi relevante para Vigo. "É un edificio moi especial e este proxecto vai permitir o acceso da cidadanía a ese espazo para todo tipo de actividades. Será un espazo para á cultura, o recreo e o ocio, combinando o respecto ao patrimonio e a modernidade", dixo a presidenta.

Villa Solita, tamén coñecido como "Finca Cabrera" ou "Finca da Señorita Nena", é unha construción cun alto valor histórico-patrimonial de finais do século XIX. No Plan Xeral de Ordenación Urbana do ano 1993 a finca recualificouse como edificable ao 50 % sendo cedida a parte da ruína ao Concello de Vigo para establecer un novo uso como centro socio-comunitario. Nestes momentos a ruína atópase valada froito dunha intervención do concello para retardar o seu deterioro polo que, mediante este convenio, se pretende mellorar a súa situación e adecuar o espazo para abrilo á cidadanía.