Noticias

Deputación e Concello de Salceda de Caselas asinan o acordo para mellorar a rúa da Gándara

Crearase un novo espazo público común unindo a estrada provincial e o parque da Gándara, unha nova glorieta de acceso e unha senda peonil ata o río Landres


09 marzo 2018
Convenio con Salceda de Caselas

A Deputación de Pontevedra, da man de Carmela Silva e do deputado Uxío Benítez, e o Concello de Salceda de Caselas, a través do seu alcalde Marcos Besada, fixeron hoxe oficial o acordo para mellorar parte do treito urbano da estrada provincial EP-2505 coa sinatura dun convenio de colaboración. Este acordo permitirá remodelar 350 metros da rúa cun orzamento de preto de 680.000 euros, dos que a institución provincial aportará o 70 % e o Concello o 30 %.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación abarcará desde a estrada PO-407 ata pasada a ponte baixo a PO-510. No inicio, á altura do bar Clarín, construirase unha nova glorieta de ordenación do tráfico, para despois urbanizar un treito da chamada rúa da Gándara –ata a altura do aparcamento disuasorio– cunha plataforma única de convivencia para tráfico rodado e para as e os peóns.

A principal novidade do deseño é que a estrada se integrará no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual, "creando unha sensación espacial moi positiva que se apreciará perfectamente cando estea rematada a obra, cun novo gran espazo recuperado para as persoas", explicou o deputado. O muro, cun importante desnivel, sí se manterá na zona da piscina para salvagardar a estabilidade do vaso de auga, pero eliminarase tamén na zona posterior ás escaleiras e á pista polideportiva para crear outro acceso peonil mediante unha rampla.

A partir do estacionamento disuasorio, segundo explicou Benítez, a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e para as e os peóns. Despois do túnel crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez (pai do actor Martin Sheen) a través dunha nova ponte de madeira. "Tamén haberá elementos de calmado de tráfico (seis pasos de peóns sobreelevados) porque esta zona está situada ao lado de moitos equipamentos, o que fai moi necesario aumentar a seguranza viaria", dixo o responsable de Mobilidade.

Benítez explicou que o obxectivo da obra é habilitar espazos seguros para as e os peóns seguindo os criterios da Estratexia de Mobilidade 3.0 da nova Deputación de Pontevedra, que propón o deseño dos espazos urbanos tendo as persoas como referente principal en lugar dos coches. "Cada actuación da Deputación ten para nós un receptor prioritario que son as persoas e os colectivos máis vulnerables, e este proxecto de Salceda de Caselas encaixa perfectamente dentro desa nova filosofía", insistiu.

En canto aos prazos de execución, Benítez destacou que o proxecto pasará de inmediato ao Servizo de Contratación. Manifestou a súa confianza en que a nova lei de contratos non complique a burocracia da adxudicación e manifestou que a Deputación fará todo o posible para que o inicio das obras se produza no verán, a partir do que se terán que contar os seis meses de traballos. Unha vez rematadas as obras o treito da estrada será transferido ao Concello.

A provincia do século XXI

Pola súa parte, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que "non hai dúbida de que o mundo está a cambiar", para o que é necesario "ter proxectos de futuro e defendelos malia que poidan chocar co que é habitual". Carmela Silva definiu a acción do Goberno provincial na área de Mobilidade como "cambiar todo para que todo cambie" e asegurou que "esta actuación é unha proba diso". "Desde a Deputación de Pontevedra", sinalou, "concibimos unha provincia diferente, do século XXI, na que as persoas son o máis importante".

A presidenta asegurou que "os automóbiles arrincáronlle ás persoas os espazos que son seus, expulsándoas por non ser espazos seguros, accesibles nin inclusivos" e afirmou que "os gobernos teñen que ser valentes para que o que se fixo mal non se siga facendo", senón "dar un cambio radical non só estético, como é tamén o caso de Salceda, que permita crear centros onde as persoas volvan ocupar o que é seu". Deste xeito, asegurou Carmela Silva, "cambiamos as vilas coa complicidade dos gobernos locais, xa que cremos profundamente no respecto á súa autonomía".

Finalmente, o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, agradeceu a implicación da Deputación e destacou que a estrada provincial que se vai recuperar forma parte da súa nenez, xa que a percorría de acotío cando acompañaba á súa nai ao lavadoiro. Lembrou que coa chegada dos vehículos se converteu nun foco de sinistralidade viaria e que toda a veciñanza do concello nalgún momento ten sufrido "sustos" e accidentes de tráfico, polo que era moi necesaria unha intervención.

"Xa no 2007 lle indicamos a Louzán que esta era unha das nosas prioridades, xunto coa estrada da Lomba, e é agora cando podemos dicir que están cumpríndose: unha está en execución e outra vai iniciarse", felicitouse Besada, que lembrou que é preciso "rematar coa ditadura do vehículo e recuperar espazos para as persoas".

 "Estamos de noraboa", dixo o alcalde, que ademais de agradecer o novo proxecto, lembrou que a Deputación tamén actuou no concello instalando elementos de calmado de tráfico ao abeiro do Plan MÓVESE, que se incrementarán en número na segunda fase do plan, agora en redacción.