Noticias

Deputación e Concello de Pontevedra anuncian un novo convenio en 2017 para executar unha nova vía perimetral a Montecelo

Carmela Silva e Fernández Lores rubricaron hoxe unha prórroga para "manter vivo" o acordo da rolda leste


29 decembro 2016
Carmela Silva e Fernández Lores

A Deputación e o Concello de Pontevedra asinarán en 2017 un novo convenio para executar a vía de nova creación que dará continuidade á chamada rolda leste e que transcorrerá pola parte traseira de Montecelo. Así o asegurou hoxe o vicepresidente provincial, César Mosquera, quen manifestou que esta estrada perimetral estaba xa prevista desde o ano 2004 e agora, coa ampliación do centro hospitalario, é fundamental para facilitarlle o acceso á cidadanía. "É unha infraestrutura supramunicipal e hai compromiso de colaboración provincial. O Concello comprometeuse a realizar este vial, pero de facelo sen a axuda da Deputación, só pola vía urbanística, podería levar 12 anos. Coa colaboración da Deputación será moito máis sinxelo", subliñou.

Ademais deste novo acordo, o vicepresidente explicou que de cara a 2017 a Deputación tamén pretende colaborar co Concello de Pontevedra na apertura dun novo acceso desde os terreos de Tafisa á UNED, en Monte Porreiro. Subliñou que esta actuación xa está moi avanzada, en fase de axuste, e pretende resolver as deficiencias de conexión actuais, con vías sen apenas capacidade para o tránsito de vehículos da zona. "Aplicaremos os criterios de calmado do tráfico, de espazos peonís… Non se trata dunha grande obra para as medras, senón dunha actuación que soluciona problemas, e se ata o de agora non asinamos o convenio para executala foi porque non queremos que pasen cousas coma a da rolda leste, con problemas no proxecto e de tramitación. Queremos deixar todo atado", subliñou Mosquera.

Todos estes anuncios fixéronse públicos hoxe durante a sinatura da addenda ao convenio para levar a cabo o acceso a Príncipe Felipe-Montecelo desde a PO-542 (coñecida como rolda leste), que prorrogará ata finais de 2017 o acordo asinado hai catro anos. Segundo lembrou Mosquera o obxectivo da sinatura é "manter vivo" o pacto para non ter que iniciar de novo toda a tramitación. En calquera caso, prevese que as características finais do proxecto e as achegas económicas de cada institución (que alcanzarán os 4 millóns de euros) se concreten nun documento definitivo no primeiro trimestre do ano.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que a rolda leste é unha infraestrutura fundamental para a cidade. "O proxecto anterior non se levou como se tiña que levar; agora será un proxecto de calidade, tal e como o estamos a facer na Deputación desde que entrou o novo Goberno, co procedemento correcto e cumprindo todas as obrigas legais", salientou.

Así mesmo, Silva parabenizouse pola cordialidade e a boa relación existente co alcalde de Pontevedra. "Xa levamos asinados un bo número de convenios. Demostramos que as administracións somos capaces de traballar xuntas… Contei sempre coa túa complicidade!", asegurou, dirixíndose ao rexedor, Fernández Lores.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra congratulouse tamén do bo entendemento e compromiso entre os gobernos de ambas as institucións e destacou que os proxectos postos en marcha por Concello e Deputación "son realidades". En canto á addenda ao convenio da rolda leste, Lores manifestou a súa esperanza por que se cumpran os prazos e se adxudique novamente a obra canto antes, porque coa ampliación do centro hospitalario "aínda é máis necesaria unha conexión viaria clara e rápida desde o sur da cidade".

Así mesmo, o rexedor subliñou que a nova vía perimetral que Deputación e Concello construirán conxuntamente por detrás de Montecelo debería estar executada neste mandato porque lles dará servizo aos máis de 250.000 veciñas e veciños que acoden ao hospital.

Addenda Rolda Leste (pdf)