Noticias

Deputación e asociacións de toda a provincia reivindican a cultura en galego e o feminismo na lectura institucional do Día de Rosalía

A presidenta e o deputado de Cultura e Lingua puxeron en valor a cultura de base e procedente dos movementos asociativos que dá lugar a citas de referencia tanto na provincia e coma no país


22 febreiro 2019
Día de Rosalía

Por cuarto ano consecutivo, e seguindo as recomendacións da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Deputación de Pontevedra promove unha lectura pública da obra rosaliana con motivo do Día de Rosalía que, por coincidir o 24 de febreiro en domingo, se realizou este venres no vestíbulo do Pazo provincial. Nesta ocasión, a lectura encabezada pola presidenta, Carmela Silva, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, estivo protagonizada por representantes de asociacións da provincia que organizan eventos de referencia no campo cultural. "Desde que Xosé Leal se fixo cargo da área de Cultura e Lingua, a cultura galega tense convertido nunha gran prioridade desta Deputación" asegurou Carmela Silva durante a presentación. A presidenta aproveitou ademais para reivindicar a faceta feminista da que denominou "a nosa escritora máis universal", lendo un fragmento do libro ‘Rosalía feminista' correspondente á escritora María Xosé Queizán.

Pola súa banda, Xosé Leal agradeceu a todas as persoas participantes na lectura a súa presenza indicándolles que "debedes sentir orgullo de cada unha das citas que organizades desde as vosas asociacións porque moitas delas son referencia na provincia e no país, e esperamos que sigan medrando porque así medrará tamén a nosa cultura". O deputado elixiu para a súa lectura o poema ‘Cantarte hei, Galicia', que vinculou coa cultura galega e tamén co Ano da Música. En nome da AELG, foi a poeta de Bueu, Lucía Novas, a encargada de ler o manifesto da Asociación deste ano, que leva por título "Libre o meu pensamento" e que é da autoría da tamén poeta Ana Romaní.

Mentres, Keka Losada, presidenta da Asociación Arelas, entidade que organiza o Festival de Cans do Porriño, escolleu ler o poema "Estranxeira na súa patria". Seguiulle a actriz María Armesto, en calidade de directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que deu lectura a un fragmento de ‘As literatas', no que Rosalía de Castro reflexiona sobre a loita que supón ser muller e escritora. María Armesto lembrou que "As literatas' foi publicado no ano 1866, ou sexa, 63 anos antes de que Virginia Woolf publicase ‘Un cuarto de seu". Joaquín Cadilla, presidente da Asociación de Embarcacións Tradicionais Piueiro, entidade organizadora do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia 2019 que terá lugar na Guarda, asegurou que escolleu o poema ‘Pra Habana' na súa "condición de mariñeiro e de orfo" e indicou que "os mariñeiros sempre coñecemos este poema e, aínda sen saber o que era o feminismo, xa sabiamos que estaba dedicado ás mulleres".

Natalia da Silva, membro da organización do Canteira Fest de Vilaboa, evento que ela mesma definiu como "festival feminista e de música en galego" escolleu o poema "A xustiza pola man". Isabel Gulías, da Asociación ‘O can de San Roque', que organiza a Festa do Gaiteiro de Soutelo en Forcarei, escolleu ler "Teño un niño de tolos pensamentos"; Cristina Acuña, da Sociedade cultural e deportiva do Condado, asociación organizadora do Festival de Poesía do Condado, escolleu o poema "Sin niño"; Juan Maceira, membro da xunta directiva da Asociación que organiza o Festival Xironsa de Cambados, escolleu "Tristes recordos"; Luis Villanueva, vicepresidente da Asociación Amigos da Empanada, organizadora do Festival A Esmorga Folk de Bandeira, Silleda, leu "Campanas de Bastavales"; e Sabela González, da Asociación Recreativa Contracultural Zona Afectada, entidade organizadora do Orixe Festival de Caldas de Reis, rematou lendo "Castellanos de Castilla".

Ao igual que en anos anteriores, e seguindo a recomendación da AELG de contribuír á conmemoración desta data agasallando un libro e unha flor, a Deputación agasallou ao público que asistiu á lectura cun libro da colección Cíes -a colección de poesía da Editorial do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Editorial-, e unha camelia do cultivar "Rosalía de Castro" procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. 

Fotos