Noticias

Deputación, Concello e Amigos da Terra selan o convenio para despregar o Plan Revitaliza de compostaxe no Grove

O vicepresidente César Mosquera felicitou o "entusiasmo e determinación" co que se está a apostar polo novo modelo de xestión de lixo na península meca


24 outubro 2018
O Grove

O Concello do Grove está en pleno despregue do Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra. No día de hoxe, o vicepresidente provincial César Mosquera, o alcalde do Grove José Cacabelos, e a presidenta de Amigos da Terra Raquel Fernández, asinaron un convenio de colaboración polo que asociación ecoloxista traballará no seguimento e asesoramento a unhas 800 familias da península meca que compostarán o seu lixo orgánico en composteiros individuais.

Persoal técnico de Amigos da Terra, baixo a supervisión do persoal técnico e mestras e mestres composteiras da Deputación, será o responsable de controlar o funcionamento dos composteiros individuais durante os próximos dous anos. Para isto, realizaranse entre tres e cinco visitas a cada domicilio para poñer en marcha o composteiro e facilitarase a formación necesaria ás persoas usuarias para un correcto manexo. Tamén se farán polo menos 20 reunións conxuntas para divulgar determinados aspectos da compostaxe e resolver dúbidas (haberá unha mañá xoves e outra o venres 8 de novembro, ás 20 horas, na casa do concello, aproveitando a entrega de composteiros). O montante económico do acordo será dun máximo de 57.411 euros.

Esta subvención para afrontar o convenio con Amigos da Terra súmase á axuda económica de 85.139,55 euros concedida ao abeiro do Plan Revitaliza para mercar os composteiros individuais, os centros de compostaxe comunitaria e a maquinaria necesaria para a implantación do novo sistema de tratamento. En concreto, o Concello do Grove solicitara 200 composteiros individuais (COIN), 46 módulos para centros de compostaxe comunitaria (CCC), microtrituradoras, trituradoras medianas, así como fondos para construír as bases dos CCC e tamén para campañas de sensibilización.

Por outra banda, o vicepresidente anunciou que este venres en Xunta de Goberno aprobarase tamén a subvención ao Concello do Grove –entre outras– para contratar un funcionario interino por programa (un mestre ou mestra composteira) polo menos ata o ano 2020.

Hai que lembrar que o Concello do Grove, que xa dispón de tres composteiros comunitarios instalados no centro da vila e ten outros sete para colocar no mesmo lugar, é un dos máis avanzados na aplicación da compostaxe na provincia e será un dos primeiros en todo o Estado que cumprirá coa nova lexislación en materia de residuos. A nova normativa, hai que lembrar, establece que no ano 2020 será obrigatorio recoller e tratar o 100 % do lixo orgánico de xeito separado, o que será moito máis sinxelo para o municipio meco.

O vicepresidente Mosquera, despois da sinatura agradeceu tanto ao Concello do Grove como a Amigos da Terra o seu "entusiasmo e determinación" ao apostar pola compostaxe. Destacou que a función da Deputación é a de axudar aos concellos a desenvolver as súas competencias, como é o caso da xestión dos residuos, e manifestou o seu "orgullo" polo Plan Revitaliza. "Sabemos o suficiente para que o Plan Revitaliza sexa exitoso. Houbo intentos que fracasaron e nós sabiamos que non podiamos fallar, por iso apostamos polo persoal técnico cualificado e pola colaboración cos movementos sociais", destacou.

"No Grove non hai volta atrás"

O alcalde José Cacabelos, pola súa banda, asegurou que "no Grove non hai volta atrás coa compostaxe". Destacou que o concello meco sempre tivo boas cifras de reciclaxe, mais resaltou que "sabiamos que para avanzar na redución de residuos e pechar o círculo teriamos que traballar cos orgánicos", polo que congratulouse de que a Deputación tivera posto en marcha o Plan Revitaliza, que definiu como "un proxecto do mellor que podemos facer".

Cacabelos defendeu que o Revitaliza é unha fórmula moi clara e de futuro: "Por fin abrimos os ollos. Non se poden estar gastando os cartos en recursos inútiles como o transporte do lixo, coa gasolina, en queimalo…". De feito, manifestou que o concello está estudando a construción dunha posible planta de compostaxe dimensionada para que a medio prazo todo o lixo orgánico que se xere no Grove sexa tratado in situ.

A presidenta de Amigos da Terra Raquel Fernández tamén aplaudiu o Plan Revitaliza da Deputación. Lembrou que o do Grove é o cuarto convenio asinado coa institución provincial (xunto cos de Vilaboa, Mondariz e Mondariz Balneario) e salientou que é fundamental que se sigan a tecer redes de colaboración entre as administracións e a sociedade civil para levar adiante proxectos como o da compostaxe. "Xa era hora de que as administracións se lanzaran a poñer en marcha un modelo global coma este logo de ver os resultados dos proxectos piloto", destacou.