Noticias

DEPOcomparte avanza con éxito nos seus primeiros seis meses de actividade

Desde a súa posta en marcha case un centenar de clubs da provincia beneficiáronse dos kits para actos deportivos que está a prestar de balde a Deputación de Pontevedra


28 agosto 2017
DepoComparte

Nos seus primeiros meses de vida, o programa DEPOcomparte medra con bos resultados segundo os obxectivos que se marcaba a Deputación de Pontevedra, que puxo en marcha esta iniciativa baixo a filosofía de compartir todos os recursos da Deputación de Pontevedra coa cidadanía. Esta iniciativa vai da man da aposta do Goberno provincial por abrir as portas e as fiestras desta institución a toda a sociedade, a todas as entidades e a todos os concellos.

DEPOcomparte, que de momento funciona co Servizo de deportes, permite que todos os concellos e entidades e clubs deportivos que así o desexen conten con material para eventos deportivos de maneira totalmente gratuíta. En concreto, a institución provincial está poñendo á súa disposición dous kits para actos deportivos que consisten en 2 podios, 2 arcos de meta, 4 sky dancers (voadores), 4 carpas de 3 por 3 metros e un marcador electrónico. Ademais, en vista do alto número de solicitudes recibidas e das necesidades dos concellos e clubs deportivos a Deputación de Pontevedra incorporará un kit máis para satisfacer peticións que non se podían cubrir debido aos impases entre reserva e reserva e máis material como conos e vallas.

Ata o momento case un centenar de clubs da provincia beneficiáronse deste programa a través do cal a Deputación de Pontevedra xestionou máis de 130 solicitudes durante estes primeiros seis meses de actividade. Ademais, xa hai preto de 20 reservas realizadas ata o día 15 de outubro (non se aceptan solicitudes con máis de dous meses de antelación respecto a data de celebración da actividade para evitar que clubs fagan reservas para todo o ano).

Este programa funciona como unha central de reservas electrónica na que as e os interesados teñen que entrar na aplicación dispoñible na web da Deputación de Pontevedra (www.depo.es). Nesta aplicación terán que cubrir as datas do evento, os campos de identificación e solicitar os materiais que estean dispoñibles para esas datas.

O material cédese de xeito totalmente gratuíto e en condicións axeitadas para o seu uso, dando asesoramento as persoas solicitantes para a utilización do material deportivo no momento da súa retirada. As persoas interesadas unicamente terán que encargarse do transporte e persoal necesario para a recollida, instalación, retirada e retorno do mesmo.