Noticias

"DepoAuga" esgota en menos dunha hora as prazas para a saída polo río Miño ao seu paso polas Neves

Con esta actividade preto de 60 persoas realizarán o sábado 28 de agosto unha ruta guiada en táboas de paddle surf ou kayak


09 agosto 2021
DepoAuga

Despois de que este pasado domingo se estreara por todo o alto "Depoauga" no concello da Cañiza, hoxe abriuse o prazo de inscrición para a segunda das súas actividades con tal aceptación que fixo que en menos dunha hora se esgotaran todas as prazas para percorrer o río Miño ao seu paso polo concello das Neves. A saída terá lugar o sábado 28 de agosto e con ela "DepoAuga" -a novidade da programación estival da Deputación de Pontevedra- afiánzase como unha das actividades de referencia no verán da provincia.

Nesta segunda ruta, preto de 60 persoas realizarán unha excursión guiada que comezará na praia fluvial situada nas proximidades da área recreativa de Santa Mariña, nas Neves. A visita está pensada para todos os públicos e levarase a cabo sobre unha táboa de paddle surf ou en kayak. Ademais, para garantir as medidas de seguridade, haberá catro quendas distintas que comezarán a percorrer o Miño ás 11.00 horas.

Malia que esta é a última das saídas de "DepoAuga", as actividades de "Aviventa o Deporte" continuarán ata o mes de outubro espallando os hábitos de vida saudables por toda a provincia á vez que descobren ás persoas que participan nelas recunchos nos que poder desfrutar da natureza. Deste xeito, estas saídas da Deputación están dirixidas a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables.