Noticias

"Depo Aventura A Lanzada" conciencia ás nenas e nenos sobre as dificultades que afrontan as persoas xordocegas na súa vida cotiá

As crianzas do campamento de verán da Deputación realizarán un baile en lingua de signos e participarán nunha xincana con probas relacionadas cos cincos sentidos


09 agosto 2018
Depo Aventura A Lanzada

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, visitará este venres 10 de agosto e o próximo día 17 o Centro de Vacacións A Lanzada para participar na primeira xornada de sensibilización e concienciación sobre as dificultades que afrontan as persoas xordocegas na súa vida cotiá. As actividades, que se realizarán cos 200 menores participantes no campamento "Depo Aventura A Lanzada", están organizadas pola Organización de Persoas Xordas de Galicia (XOGA) coa que, por segundo ano consecutivo, colabora a Deputación de Pontevedra.

As xornadas, que se desenvolverán entre as 10:00 e as 13:00 horas, basearanse en dúas actividades nas que participarán as crianzas da sétima e da oitava quenda do "Depo Aventura". A primeira delas será no anfiteatro e consistirá nun baile con contidos en lingua de signos que prepararon as nenas e nenos. A segunda actividade será a "Xincana Achega-T" na que as rapazas e rapaces se organizarán por grupos que estarán encabezados por "deuses" que representan os cinco sentidos. As e os participantes irán superando distintas probas relacionadas co gusto, co tacto, coa vista, co oído e co olfacto. Ademais, as e os menores adquirirán roles que lles impedirán facer tarefas cotiás como camiñar, comer etc. Finalmente, entre todas e todos farase unha análise das dificultades coas que se atoparon na actividade, de como se sentiron ou de como se pode apoiar ás persoas con diversidade funcional.

Desde a Deputación de Pontevedra considérase que o campamento "Depo Aventura A Lanzada" constitúe o marco idóneo para a realización deste tipo de actividades de concienciación. É fundamental que desde idades temperás se aborde a diversidade funcional e se fale dela de maneira aberta, sensibilizando sobre a mesma a través de dinámicas de xogo e materiais que axuden a comprendela. Ademais, desde a institución provincial considérase que este campamento serve para inculcar valores como a tolerancia ou a empatía, que sirvan para crear unha sociedade máis inclusiva e xusta para todas e para todos.

En "Depo Aventura A Lanzada" están a participar un total de 2.200 nenas e nenos, distribuídos en diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto, con 300 prazas gratuítas para as familias sen recursos económicos.