Noticias

Degusta Europa achega ao mercado de abastos de Pontevedra a excelencia dos nosos produtos e dos centros de formación da provincia

Carmela Silva e Anabel Gulías participaron no menú do Carlos Oroza con cucurucho de peixiños, crema de caldo de cocido con lacón e chourizo de Lalín e pastas albariñas con chocolate de Sobroso


05 abril 2019
Degusta Europa en Pontevedra

O mercado de abastos de Pontevedra acolleu hoxe a terceira xornada desta cuarta edición do programa Degusta Europa, iniciativa programada e anual que, ao longo deste mes de abril, leva a vangarda e a innovación gastronómica por distintos mercados e prazas de abastos da provincia. Un programa que este ano está inspirado na campaña turística provincial "Fame de experiencias?" e que esta semana xa pasou polos mercados do Grove e de Bueu, con propostas culinarias elaboradas polo alumnado do centro Carlos Oroza de Pontevedra.

No mercado de abastos de Pontevedra estivo hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada provincial Chelo Besada, a concelleira Anabel Gulías e o director do Carlos Oroza, Manuel Hermo, que xunto a cidadás e cidadáns degustaron o menú preparado polos estudantes do centro de formación pontevedrés que consistiu nun cucurucho de peixiños, crema de caldo de cocido con lacón e chourizo de Lalín e pastas albariñas con chocolate de Sobroso. Para beber houbo Albariño con té verde, Apple Verde e Aperol Spritz.

A presidenta provincial explicou que "con Degusta Europa perseguimos poñer en valor a excelencia dos nosos produtos e da nosa enogastronomía, que fan que xa sexamos unha referencia mundial; queremos amosar o alto nivel formativo que temos nesta provincia, con centros xa referentes coma o Carlos Oroza e o Manuel Antonio; e buscamos resaltar a calidade dos nosos mercados de proximidade". Silva engadiu ademais que esta iniciativa pretende tamén enxalzar a importancia da gastronomía como un dos grandes valores culturais da Unión Europea, coincidindo coa posta en marcha deste programa ao abeiro do Día de Europa.

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo de Pontevedra, Anabel Gulías, amosouse agradecida á Deputación de Pontevedra por "iniciativas coma esta que permiten dar máis contidos a un espazo tan importante para a cidade como é o mercado de abastos", mentres o director do Centro Carlos Oroza resaltou tamén a importancia de programas coma este que permiten "estar en contacto directo cos mercados, cos nosos produtos e que ademais nos permiten seguir innovando cos produtos locais e poñendo en valor o traballo que facemos".

Tras pasar polo Grove e Bueu, hoxe en Pontevedra o alumnado do Centro Carlos Oroza rematou as súas propostas culinarias en Degusta Europa. Ao longo da próxima semana será alumnado do Centro Manuel Antonio de Vigo o encargado de elaborar os menús nos mercados e prazas de abastos de Baiona, A Guarda e Vigo.

Fotos