Noticias

De miñoca a miñoca, aprendo sobre compostaxe

Escolares do CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro coñecen á mascota educativa do Plan Revitaliza


24 xaneiro 2019
Campo Lameiro

Rapazas e rapaces do CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro comezaron hoxe a participar nos obradoiros e xogos sobre compostaxe que realiza a Deputación nos centros de ensino da provincia ao abeiro do Plan Revitaliza. Escolares de infantil e 1º e 2º de primaria xogaron esta mañá coa mascota educativa do plan provincial, un colémbolo que amosou a 36 pequenas e pequenos como se fai o compost grazas ao ‘Xogo da miñoca'.

A actividade consistiu nunha variación do xogo da oca na que as nenas e nenos, formando equipos, tiveron que pasar unha serie de probas e preguntas (sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce a conversión do lixo en compost, ou que técnicas hai que aplicar para chegar a ter un bo compost). O alumnado tamén tivo que buscar solucións a elementos negativos para a compostaxe do lixo orgánico, como a achega de impropios ao composteiro ou esquecer pechar a tapa deste, casiñas que provocan que no xogo se atrasen postos ou se deixen xogadas sen tirar.

Con esta actividade e as previstas para as próximas semanas (charlas informativas ‘A voltas coa compostaxe' e a posta en marcha dun composteiro no propio centro), a totalidade do colexio (69 alumnas e alumnos) implicarase na compostaxe como modelo de xestión de lixo para o centro de ensino.

Este programa educativo que está a levar adiante a Deputación realízase xunto con monitores do Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, e vai dirixido ao alumnado de primaria e secundaria de toda a provincia. A intención é que a rapazada faga de ‘altofalante' das bondades da compostaxe tamén nos seus propios domicilios para así acadar un cambio de mentalidade sobre o tratamento dos biorresiduos, xa que no ano 2020 será obrigatoria a súa recollida separada por lei.