Noticias

"De Mestras e mestrados" abre as súas portas no Museo para conmemorar os 30 anos da Facultade de Belas Artes en Pontevedra

18 profesoras e artistas do mestrado de Arte Contemporánea expoñen de maneira conxunta amosando un "interesante diálogo interxeneracional"


29 outubro 2020
Ima dos participantes no evento

O Museo terá aberta no claustro do Edificio Sarmiento ata o 24 de xaneiro a exposición temporal "De mestras e mestrados" programada en colaboración coa Universidade de Vigo con motivo do 30 aniversario da Facultade de Belas Artes en Pontevedra. Profesoras que imparten o mestrado en Arte Contemporánea, Creación e Investigación xunto coas súas alumnas son as artistas que protagonizan a mostra, amosando un "interesante diálogo interxeneracional".

No acto de inauguración de hoxe estiveron presentes, ademais de algunhas das 18 participantes (a profesora Loreto Blanco Salgueiro e Abi Castillo; Mar Caldas e Nilo Arias; Marisa Fernández e Cristian Benítez, Almudena Fernández Fariña e Isabel Flores; Yolanda Herranz Pascual e Celeste Garrido; Anne Heyvaert e Yatir Fernández) o director do Museo, o vicerreitor da UVigo, Jorge Soto, e o comisario da mostra, Xosé Manuel Buxán.

O director do Museo fixo fincapé na importante relación entre o Museo e a Universidade de Vigo, coa que vén colaborando nos últimos anos e coa que, resaltou, "agardamos poder reforzar os ámbitos de cooperación". Insistiu en que nun momento de especial dificultade como o actual con motivo da pandemia "eventos como esta exposición revélanse especialmente importantes e reflexan luz, manifestando o compromiso da institución, do Museo e da Deputación e da Universidade coa cultura, as persoas creadoras e con intentar que a cultura siga".

Pola súa banda, o comisario da mostra, Xosé Manuel Buxán Bran, explicou que a exposición permite poñer en valor a obra das profesoras-artistas que na exposición se presentan xunto coa daquela alumna ou alumno escollido pola artista docente co que atopa una especial conexión ou relación de afinidade creativa. Nesta ocasión, o comisario optou por unha selección unicamente de profesoras-artistas porque para el representan moito do mellor da profesión artística actual, "tal como acreditan as súas carreiras ben significadas, que as erixen en profesionais de alta solvencia no sistema artístico galego, español e internacional".

Buxán destacou a importancia que o Museo de Pontevedra ten para a Facultade de Belas Artes, unha entidade de "máxima importancia" e "buque insignia da arte na cidade e na provincia xunto ao MARCO de Vigo". "É un privilexio e temos infinito agradecemento ao apoio que dá á Universidade, xa que a súa colaboración é impagable en todos os sentidos", destacou.

Finalmente, o vicerreitor, Jorge Soto, quixo poñer de manifesto a sensibilidade do Museo coa Facultade de Belas Artes e a súa confianza na "indisolubilidade" da relación. Destacou tamén que a facultade, logo de 30 anos de presenza en Pontevedra está "enredada no quefacer diario" da cidade, non podendo falar da creatividade e da cultura local sen facer referencia a ela.

Soto quixo tamén reivindicar a cultura neste momento de pandemia, cando como el di, é a "saída e a salvagarde para moitas situacións psicolóxicas nas que estamos imbuídos. A cultura é necesaria para saír da pandemia", dixo. Xa en relación coa mostra, asegurou que supón un proxecto orixinal no que ás docentes-artistas débeselle un dobre recoñecemento porque a docencia en si é un arte, e porque hai nelas unha dobre mirada que inclúe tamén a aprendizaxe constante a carón do alumnado.

Fotos

Audios

  • Audio