Noticias

David Regades visita as obras provinciais xa rematadas da zona histórica de Cangas

As obras de pavimentación e mellora de servizos que leváronse a cabo en Cangas foron financiadas coas achega do Plan Concellos 2016 da Deputación de preto de 230.000 euros


08 novembro 2017
Visita de Regades a Cangas

David Regades, deputado de Cooperación Municipal, visitou este mércores 8 de novembro xunto ao alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, as obras recentemente finalizadas no municipio que corresponden aos investimentos do Plan Concellos 2016. Para a realización destas obras o concello do Morrazo recibiu dúas achegas da Deputación de Pontevedra dun total de 229.903,67 euros.

Por un lado, levouse a cabo un proxecto de pavimentación e mellora de servizos no barrio de Outeiro, na zona histórica da vila. Con esta obra púxose un pavimento de pedra similar o que tiña anteriormente e renováronse as redes de abastecemento, de augas residuais e pluviais, o alumeado público e de telecomunicacións. Ademais, levouse a cabo unha humanización da contorna para gañar terreo para os cidadáns de a pé. Por outra banda, realizouse unha renovación integral dos servizos de abastecemento, saneamento, pluviais, iluminación, pavimentación e telecomunicacións nas rúas da Lúa e do Hospital. Ademais, pavimentouse un tramo da rúa Lirio. As obras foron financiadas ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2016, a través dos cales Cangas recibiu en total máis dun millón de euros (1.019.346,45 €).

O deputado Regades destacou "a satisfacción que temos como Goberno ante unhas obras como estas, xa que o Concello de Cangas recuperou con este presuposto a zona histórica, unha obra pública que cumpre un dobre obxectivo: a creación de emprego, pola obra en si mesma, e o fomento do sector turístico". O responsable de Cooperación do Goberno felicitou tamén aos traballadores e traballadoras polo valor artesanal dos traballos e anunciou as conversas co alcalde de Cangas para as inversións provinciais nos anos 2018 e 2019".

Pola súa parte, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, coincidiu con Regades "na importancia que ten a recuperación do barrio histórico para a revalorización turística da vila" e anunciou que "as inversións dos dous próximos anos na capital do Morrazo están máis que avanzadas"

En canto ao Plan Concellos 2017, o Concello de Cangas xa ten aprobado o 93,22 % dos investimentos que lle corresponden, que para este ano son un 6,84 % máis que en 2016. En total, durante este 2017, a vila da comarca do Morrazo xa ten recibido máis dun millón de euros cos que levou a cabo o proxecto de reposición de servizos e da pavimentación da rúa Buenos Aires; a humanización das rúas Baiona e Méndez Núñez; a compra dunha rozadoira de brazo articulado con mando hidráulico e de material de recambio para as máquinas que limpan as praias; a adquisición dun vehículo eléctrico para o seu servizo de mantemento dos parques e xardíns municipais; os arranxos da cuberta da rúa Praza de Abastos; a urbanización da rúa Rosalía de Castro; a restitución das escaleiras na subida a rúa Buenos Aires; a adecuación dos parques infantís á normativa vixente; o pagamento do tratamento de residuos urbanos, e a contratación de 29 persoas que desenvolven as súas profesións nos servizos municipais da vila.