Noticias

Curso de alfabetización na sede da Deputación en Vigo

O alumnado do obradoiro da fundación Radio ECCA está a recibir, ademais, formación en igualdade de xénero e dereitos humanos


12 xul 2016

Xa están en marcha os cursos de alfabetización que se desenvolverán, ao longo dos meses de verán e ata finais de setembro, nas aulas da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. En total son 15 os veciños e veciñas da cidade que están a ser beneficiarias deste obradoiro, financiado polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial e desenvolvido e impartido polo persoal da fundación Radio ECCA. Esta entidade social desenvolve as súas accións no eido educativo e, máis en concreto, a través do emprego das tecnoloxías como ferramenta educativa.

Esta formación, que xurdiu por propia iniciativa de varias alumnas e alumnos que estudan na ECCA, non inclúe unicamente a área de coñecementos, senón que tamén abarca un seguimento pormenorizado do alumnado e o traballo de valores moi necesarios para a cidadanía, como son a igualdade de xénero ou os dereitos humanos.

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, quixo resaltar a importancia deste curso e puxo en valor "a dinámica do servizo de Cohesión Social e Xuventude, que é a de apoiar a este tipo de colectivos que fomentan a igualdade para todas e todos". Digna Rivas, do mesmo xeito, afirmou que "este curso nos resultou moi interesante porque o seu obxectivo é que todas e todos teñan as mesmas oportunidades. As veciñas e veciños da nosa provincia teñen que ter os mesmos dereitos", subliñou.

A delegada de Radio ECCA en Galicia, Almudena Rivas, resaltou a necesidade de impartir esta formación de alfabetización xa que "sen un manexo axeitado da lectura, da escritura e das matemáticas, cousas tan cotiás como son as mellores ofertas no supermercado ou decidir  a liña de autobús urbano na que se subir poden resultar difíciles ou mesmo imposibles". Ademais, sinalou que este primeiro grupo de alumnas e alumnos "é moi heteroxéneo, xa que inclúe a mulleres e homes de distintas idades", pero todas e todos eles "cun desexo común de aprender e esforzarse por mellorar a súa situación actual".