Noticias

Cuntis recibe 50.000 euros do "Plan Concellos 2017" para o acondicionamento dun edificio como almacén dos servizos sociais municipais

A institución provincial leva entregado o 72 % do total destinado a Cuntis dentro do plan, un investimento próximo aos 385.000 euros


26 xuño 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega para o Concello de Cuntis ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017" de Investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará a cantidade de 50.000 euros para que o Concello de Cuntis poida facer fronte ao investimento de acondicionamento da planta baixa de dúas vivendas que pasarán a empregarse como un almacén dos servizos sociais. O almacén terá unhas dimensións de 149 m2 e neles gardaranse, entre outros produtos, roupa ou alimentos.

Con anterioridade, Cuntis xa recibira 163.305,29 euros, tamén na liña 1 de Investimentos, para a pavimentación dun viario e do acceso á zona deportiva, para o saneamento da Casiña, melloras no entorno do cruceiro no Campo-Troáns e a reposición dun muro en Sobrada. Ademais, 50.565,51 euros en liña 2 para o financiamento de diversas actividades como a Romaría do Cabalo, un ciclo deportivo, o programa Habilitas Fogar II ou o mantemento e acondicionamento da EDAR de Meira e, por último, a cantidade de 120.338,46 euros que permitirán que 16 persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Grazas a esta nova achega, a vila de Cuntis xa leva aprobado o 71,8 % do total de investimento que recibe dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 384.209,26 euros dun total de preto de 535.000 euros.