Noticias

Cuntis continúa coa súa aposta polo rural co apoio da Deputación pavimentando o camiño de Pazo

As obras, que foron visitadas polo deputado Santos Héctor e o alcalde, Manuel Campos, melloran as comunicacións na parroquia de Couselo


27 xullo 2021
Obras en Cuntis

A veciñanza de Cuntis estreou estes días o mellorado camiño de Pazo, unha vía local de preto de 700 metros que comunica este lugar da parroquia de Couselo e articula todo este núcleo rural. As obras, cun orzamento duns 20.000 euros, foron financiadas polo Plan Concellos da Deputación.

O deputado provincial Santos Héctor e o alcalde, Manuel Campos, visitaron hoxe as actuacións acompañados de concelleiras/os e veciñas/os da zona. Durante a visita destacaron a calidade dunhas obras que dignifican os accesos á veciñanza que optou por residir no rural. As obras consistiron no fresado do pavimento anterior e a pavimentación con asfalto dun pequeno tramo, mentres que os accesos ás vivendas foron resoltos con formigón pulido, rectificando as cotas para que o pavimento quedase á altura das portas de todas as vivendas. Ademais, o Concello acometeu as canalizacións para o saneamento das augas residuais e colaborou coa veciñanza para a nova rede de auga potable.

A Deputación leva investidos en Cuntis máis de 5,3 millóns de euros desde que en 2015 se produciu o cambio no Goberno provincial. O Plan Concellos achega este ano outros 600.000 euros para executar novas obras e servizos. Neste tempo, Cuntis foi quen de levar a cabo unhas 40 obras con cargo ao operativo provincial de financiamento municipal regrado. O Concello apostou por obras que combinaron o desenvolvemento do centro urbano e o rural. No rural leva investidos preto de 400.000 euros en pavimentacións de camiños. Ademais contratou a unhas 120 persoas desempregadas, tamén coa axuda do Plan Concellos, para atender servizos de competencia municipal.

Finalmente, a Deputación financiou as obras de mellora da seguridade viaria e urbanización no polígono industrial da Ran a través do Plan DepoRemse, cunha achega total de medio millón de euros, unha obra estratéxica impulsada polo Goberno local e que abre as portas á chegada de novas empresas e, por tanto, á xeración de emprego en Cuntis e toda a súa área de influencia.

Fotos