Noticias

Cun rotundo éxito de público a Deputación de Pontevedra pecha as visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior marcadas polo dinamismo e a innovación

Máis de 300 persoas, que esgotaron todas as prazas en cuestión de horas, gozaron este ano de novas personaxes como a bufona Burlona e Teresa de Távora


08 xuño 2019
Visitas teatralizadas

Cos últimos grupos repartidos en dúas visitas de mañá e de tarde, a Deputación de Pontevedra pechou este sábado unha nova edición das visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior que este ano volveron a conseguir un completo éxito de público con máis de 300 persoas que, desde finais de abril, puideron gozar da historia do recinto, contada dun xeito dinámico, divertido e marcado pola innovación e o emprego das novas tecnoloxías.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción "xa que si en anos anteriores xa contamos cunha enorme acollida, este ano o éxito foi tal que as prazas se esgotaron en cuestión de horas e que aínda que as ampliamos non chegaron para toda a demanda que tivemos". "O próximo ano, anunciou xa a presidenta, haberá máis prazas e prolongaremos as visitas teatralizadas máis tempo". Silva puxo en valor que "as visitas non so son vangardistas e apostan pola innovación e as novas tecnoloxías para que sexan interactivas, senón que con elas enxalzamos o noso patrimonio, conseguimos un turismo desestacionalizado e damos resposta á fame de experiencias que da nome a nosa campaña deste ano". A presidenta provincial apuntou que "en todo caso o valor máis importante e que con iniciativas como esta conseguimos devolver o castelo de Soutomaior ás familias e á xente, de quen sempre tivo que ter sido"

Este ano, ao través de diferentes personaxes, caracterizados coa animación das actrices e actores da compañía Troula, as persoas que participaron nas visitas coñeceron parte da historia de Galicia, que descorreu no castelo de Soutomaior, de xeito innovador e divertido, estimulando a curiosidade e con escenificacións que non deixaron indiferentes nin a maiores ni aos nenos e nenas, xa que as visitas están enfocadas ao público familiar. Así, é a bufona Burlona, anfitrioa da visita e encargada de abrir as portas da fortaleza, presentou a cabaleiras e cabaleiros, cociñeiras e cociñeiros, xograresas e xograres, pantasmas e novos personaxes como Teresa de Távora, cuxa historia serve para descubrir un novo punto de vista do castelo. Teresa foi a muller de Pedro Madruga e xogou un papel moi activo nos conflitos e alianzas da nobreza galega, ata o punto de recuperar os bens que o Rei de Castela retirara a Madruga.