Noticias

‘As persoas primeiro', eixe da cuarta xornada da Facultade Ágora sobre o espazo público

Participarán os enxeñeiros internacionais Paula Teles e Ole Thorson, e o arquitecto Jesús Fole, que explicará unha experiencia práctica


20 maio 2021

A cuarta xornada da Facultade Ágora sobre o espazo público impulsada pola Deputación leva como título ‘As persoas primeiro' e xirará mañá venres sobre a filosofía de adecuar o deseño das vilas e cidade ás necesidades reais das persoas para que poidan desenvolver unha vida plena tanto desde o punto de vista social e da mobilidade.

As persoas relatoras encádranse entre as máximas expertas internacionais na materia, contando coa figura de Ole Thorson, Paula Teles, Álvaro Gómez e Jesús Fole. O obxectivo será debater sobre dous conceptos non coincidentes, o de ‘mobilidade' fronte ao de ‘tráfico', para tocar de seguido temas como a velocidade 30, a regulación de bicis e VMP e os dereitos das persoas que camiñan, visualizando os aspectos técnicos dun espazo público pensado para as persoas, con plataformas únicas, beirarrúas, pasos elevados, iluminación adecuada, anchura de carrís, materiais, e vexetación.

A conferencia que levantará máis expectativas, pola coincidencia coa implantación da obrigatoriedade dos 30 quilómetros hora nas vías urbanas de unha dirección por carril será a do director do Observatorio Nacional de Seguranza Viaria da Dirección Xeral de Tráfico, Álvaro Gómez, quen participará ao abeiro da 6.ª Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguranza viaria que terá lugar este ano do 17 ao 23 de maio e que ten como lema ‘Rúas para a vida' (Streets for Life).

Explicará, entre outras cousas, que o obxectivo da campaña internacional da ONU é facer un chamamento para que todas as cidades do mundo implanten o límite de velocidade a 30 km/ h, buscando compromisos políticos a nivel estatal e local en áreas urbanas, xerar apoio local para estas medidas que supoñen reducir a velocidade e concienciar da importancia que ten crear cidades seguras, saudables, verdes e habitables. Ademais destacará os vínculos entre os límites de velocidade e o logro dunha serie de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, incluídos os de saúde, educación, infraestrutura, cidades sostibles, acción climática e asociacións

Por outra parte, na xornada de mañá estará Ole Thorson, enxeñeiro de camiños, que desde hai 45 anos traballa con mobilidade, seguranza e sustentabilidade na busca dun uso racional e equilibrado do espazo público e unha mobilidade que teña en conta as "externalidades" dos vehículos a motor: danos persoais, accidentes de tráfico, mortes por emisións e ruído…".

 

Paula Teles, enxeñeira civil especializada en planeamento do territorio e xestión urbanística falará da súa consultoría sobre planeamento e xestión da mobilidade, sendo pioneira en Portugal sobre mobilidade urbana inclusiva. Tamén Jesús Fole, asesor de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, abordará a necesidade de que os deseños e actuacións das institucións locais muden o paradigma predominante e deseñen vilas e espazos non destinados aos coches como elementos centrais.