Noticias

A cuarta mobilidade de Practicum Depo formará a 36 estudantes con estadías en países europeos

O alumnado realizará prácticas laborais en lugares como Italia, Portugal ou Irlanda


04 setembro 2021
Carmela Silva

O programa "Practicum Depo" segue a buscar a "mellor formación posible para o alumnado da provincia a través de saídas ao estranxeiro", tal e como afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, tras ser aprobada en Xunta de Goberno a cuarta mobilidade da súa edición 2020. A achega á que se deu luz verde ascende aos 287.000 euros e dela beneficiaranse un total de 36 estudantes de ciclos medios de Formación Profesional (16 rapazas e 20 rapaces), que percibirán entre 6.380 e 8.650 euros para as súas estadías.

O alumnado realizará mobilidades que durarán preto de seis meses sendo os destinos máis demandados Italia e Portugal (con 13 e 12 mobilidades), seguidos por Irlanda (6), Francia (2) e Islandia, Malta e Romanía (cunha mobilidade a cada un deles). As persoas que se formarán nestes países proceden de 13 centros de oito concellos da provincia: Vigo e Pontevedra (que conta con 11 alumnas e alumnos neste programa), Marín (5), O Porriño, Tomiño, As Neves e Sanxenxo (2 cada un deles) e A Illa de Arousa (1).

"Practicum Depo" ten por obxectivo completar a formación de estudantes graduados e graduadas en ciclos medios de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Ademais, este programa provincial tamén inclúe formación ao profesorado para que adquira novos coñecementos que logo poderán ser aplicados nas aulas da provincia de Pontevedra.