Noticias

Crecente recibe máis de 60.000 € do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a realización de dúas novas actuacións na vila

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 a Crecente sitúase nun 61,2 %, representando un investimento na vila de 411.808,57 €


11 xullo 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante sendas resolucións presidenciais, dúas axudas ao concello de Crecente por un valor total de 60.171,02 € ao abeiro do Plan Concellos 2018. Trátase, nesta quenda, dunha achega de 32.787,01 euros para a mellora de acceso a O Tarendo (Rebordechán), A Carreira (Albeos) e A Rubia (Crecente) e outra de 27.384,01 euros para a mellora de fontes na parroquia de A Ameixeira. As dúas actuacións atópanse enmarcadas na liña 1, a de investimentos, do Plan Concellos 2018.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello. En concreto, 275.352,43 euros na liña 1 destinados á mellora e acondicionamento de viais municipais, ao abastecemento en O Cerraque (Albeos) e actuacións varias na rede de saneamento municipal e ao financiamento do edificio polideportivo, pista de pádel e mellora de accesos e servizos na rúa García Neira. Tamén, outros 76.285,12 € foron destinados á contratación de 10 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 411.808,57 € do total destinado a Crecente, isto é, 61,2 %.